O fotoxornalista Felipe Carnotto expón en Burela ‘No colo da esperanza‘, unha mostra de imaxes realizadas no 2015 na denominada Ruta dos Balcáns.
Protagonizan a exposición rapaces e rapazas que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, á procura dun futuro próspero en Europa.
A mostra pódese visitar ata finais deste mes de decembro na casa da cultura, en horario matinal -de 10.00 a 13.00 horas- e de tarde -de 17.00 a 20.00-.
Ademais, o martes 18 de decembro celebrarase unha xornada educativa sobre esta mesma problemática. Ese día, Carnotto guiará a través da exposición aos estudantes dos centros bureleses.
OBRA DE TEATRO
A partir das 11.30 horas, Pallasos en Rebeldía recreará o espectáculo teatral ‘O Valo‘, creado para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e baseado nas persoas refuxiadas.
“REFLEXIONAR”
Organizan a cita a concellería de inmigración e cooperación do Concello de Burela e o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade, entidade da que o goberno local é socio.
“Estas actividades teñen como obxectivo facer reflexionar e concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas”, expón a edil burelesa, Angélica Gómez.