“A Atención Primaria na Mariña está sobrepasadísima”

A Plataforma Sanitaria da Mariña di que estes meses estivais pódense pasar "os 200.000 habitantes", nos 14 concellos da Mariña.

Profesionais de atención primaria en protesta. AXM

Plataforma Sanitaria da Mariña denunciou este luns esperas para consultas en centros de saúde da comarca de “ata quince días”, unhas demoras que consideran “inasumibles”. A presidenta da plataforma, Montse Porteiro, constatou que, na zona, a “Atención Primaria está sobrepasadísima, porque ademais de que non se cobren vacacións, nin días de libre disposición, nin baixasvan xa dous anos que non pon nin médicos, nin enfermeiras para as persoas desprazadas ou para os turistas“.

Así, alertou de que nestes momentos na Mariña “triplícase a poboación”. “Nestas poboacións litorais multiplícase a poboación por tres e, a maiores da sobrecarga que xa soportan por estar un mínimo de persoal, teñen que atender tamén a todos os desprazados. Hai veces de demoras de ata quince días para unha cita na Mariña”, lamentou.

Porteiro puxo o exemplo de Barreiros en alusión ao “desmantelamento” que se observa na Atención Primaria na Mariña de Lugo. “En Barreiros hai tres médicos, un que leva de baixa moito tempo e non está a ser cuberta. Vai haber algún día que non estará nin a que está de baixa, nin a substituta, nin algún dos outros dous médicos. Ante isto o que fan é programar consultas para a tarde con médicos doutros lugares e que xa estiveron a traballar pola mañá”, avisou.

Finalmente, calculou que estes meses estivais pódense pasar “os 200.000 habitantes, nos 14 concellos da Mariña. “Algúns son núcleos de 3.000 habitantes e agora igual atopámonos con 12.000 ou 15.000 persoas”, exemplificou.

A Plataforma Sanitaria da Mariña súmase a UGT na advertencia de como se pode estar “a devaluar” o servizo sanitario ante a presenza de desprazados e turistas en toda esta comarca da provincia de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here