O persoal de medio ambiente do Concello procedeu ao longo do luns a limpar a área recreativa de Santa Cruz, onde o domingo se celebrou a tradicional xira. Tal e como recollen estas fotografías, algúns dos asistentes non saben o que é a limpeza e deixaron a zona chea de lixo.
Ante este tipo de actitudes incívicas, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, lembra que “se non hai unha concienciación social, dificilmente poderemos acadar unha sociedade comprometida co noso entorno limpo e saudable”. “Aínda que a xente se esforza en deixar recollido todo antes de marchar, as probas deixan ben ás claras que non todo o mundo fai o mesmo esforzo. E aquí si que debemos seguir mellorando”, dixo.
