IniciosociedadeVirginia Mateos: "sinto moito orgullo cando as persoas volven onda nós para...

Virginia Mateos: “sinto moito orgullo cando as persoas volven onda nós para felicitarnos”

A "Experiencia Mi Tesoro" é unha iniciativa levada adiante por tres persoas que trasladaron até Galdo, en Viveiro, as vivendas "hobbit" do "Señor dos Aneis". Mais deixando o mundo Tolkien á parte, trátase dunha iniciativa que ao final revitalizou unha zona vítima do abandono rural. Son varias as actividades que se poden facer neste espazo e para explicalas falamos con Virginia, unha das persoas responsables de "Mi Tesoro".

Publicada o

- Advertisement -

-Por que construír vivendas “hobbit” en Montecelo, na parroquia de Galdo en Viveiro, cal foi o detonante?

Eu son adoptada, son “veraneanta”, así en pasado e descubrín que esta área tiña un potencial aínda por coñecer e habia un gran número de recursos. Entón sentín a necesidade de facelos coñecer. Ademais, teño a gran sorte de ter a miña vivenda en Montecelo e de aí naceu o soño de facer algo coas fincas de arredor. Algún tipo de actividade turística como hospedaxes ou hoteis. Entón estudamos os materiais sustentables, os teitos verdes e de aí nace a idea, buscando que todo estivese integrado no medio.

-A construción con materiais ecolóxicos e que non danen o medioambiente supón un investimento importante?

Entendo que é superior aos métodos tradicionais, mais entendo que por ser construcións sustentables o mantemento é de menos consumo.

estudamos os materiais sustentables, os teitos verdes e de aí nace a idea, buscando que todo estivese integrado no medio.

-Cales foron as reaccións dos veciños de Montecelo ao ver como construías este conxunto de tres vivendas “hobbit”?

O certo é que moi ben. A maioría das nosas fincas estaban abandonadas e sen limpar. Este traballo déulle vida a este lugar porque ven nenos xogando, ven familias contentas, o proxecto en si é bonito e gusta a todos e todas.

-Esta idea inspíranse nas casas “hobbit” do “Señor dos Aneis”. Como escollestes esta idea?

Pois basicamente buscando construcións subterráneas, ademais, as formas redondas sempre son máis suaves e danlle cor ao lugar. A construción é moi sinxela e ademais impacta.

-Cales son as primeiras impresións das persoas que alugan estas vivendas para pasar uns días?

Sinto moito orgullo cando as persoas, despois de cargar as maletas, volven onda nós para felicitarnos. Isto porque cando ven as fotos na web esperan que as fotos estean traballadas dixitalmente. Moitas veces din “xa vimos que era moi bonito mais estando aquí é marabilloso”. O 99´9% das reaccións son moi boas.

-Á parte de levantar as tres vivendas, fixestes algún labor máis de repoboación de árbores ou accións para ambientar máis no mundo hobbit o lugar de “Mi Tesoro”?

Comezamos co básico. Agora mesmo, despois de dous anos, estamos traballando moito máis a xardinaría. Temos algunhas árbores e para iso tamén contactamos cun deseñador de xardíns para saber o que nos aconsella. Sobre todo puxemos árbores de froita e flores.

as formas redondas sempre son máis suaves e danlle cor ao lugar

-Tedes unha serie de actividades, entre elas o paseo en barca. Como facedes estes paseos?

Aquí ao pé temos un embarcadoiro en Porto Chao, no río Landro. Levamos á xente até alí cando soben as mareas e desde ese punto baixan en barca, kaiak ou padelsurf. Fan unha baixada ou unha subida e despois imos recoller á xente e ao equipo que levan canda eles. Tamén temos paseos a cabalo que duran unha hora. Ademais, hai unha ruta que é subir ao mirador do Monte Castelo, desde onde hai unha vista impresionante. Esta dura dúas horas e media. Esta é unha ruta para xente máis experta ou quere dar unha volta máis longa. Logo os paseos poden darse ao pé do río polo camiño aberto para esta actividade e que chega ao paseo marítimo de Viveiro.

-Que son as “aventuras”?

Para moita xente subir a un cabalo é xa unha aventura nova, como as experiencias dos kaiak ou o surf, para moitas persoas é unha aventura.

Agora mesmo, despois de dous anos, estamos traballando moito máis a xardinaría

-Organizades vós as visitas a diferentes lugares?

Non, a maioría dos clientes chegan xa coas visitas organizadas ao Fuciño do Porco ou á Praia das Catedrais. Aquí hai moitas cousas de interese e a maioría veñen co seu vehículo propio, ademais, por cousa da COVID, tampouco buscamos o de crear grupos.

-Cantas persoas traballades actualmente?

Traballamos tres e logo hai colaboradores por tempada.

-Os apartamentos, que son tres, cada un ten pintadas portas e xanelas dunha cor: azul, amarelo e vermello.

As cores que máis me gusta eran esas máis o verde, aínda que o verde xa o tiñamos. Ademais, este é un proxecto que está financiado polo Fondo Social Europeo Marítimo-Pesqueiro, por iso temos que promover as actividades de auga. Así o azul representaba o mar, por iso ese apartamento se chama Faro do Norte. O apartamento amarelo é pola luz e chámase Estrela dos Mares e no vermello, que chamamos Cola da Serea, parece que sempre caen máis as parellas nel.

a maioría dos clientes chegan xa coas visitas organizadas ao Fuciño do Porco ou á Praia das Catedrais

-Foi difícil encontrar construtores e arquitectos que quixesen involucrarse nunha construción como esta?

Si, para min foi un pouco difícil levar isto para diante desde o primeiro momento debido a presentar o proxecto, poñer sobre a mesa que buscabamos e ter os permisos e logo tamén para buscar alguén que se implicase na construción. Despois, para construír só foi facer unha excavación para poder levantar os apartamentos.

-Cal é o tipo de persoas vos visitan?

De maneira individual, ninguén. Temos parellas, familias e grupos de amigos. Os apartamentos teñen capacidade para cinco persoas e ao mellor veñen dúas parellas cun neno, unha familia e parellas tamén. Tamén ofrecen unha estadía aquí como regalo para alguén como parellas e tamén temos moito sen ser parellas.

-Tedes instalacións infantís.

Temos un pequeño parque infantil onde hai unha cabana e arrandeas. Á parte diso, está que xogan nenos e nenas de diferentes idades, algo moi bonito. Os adolescentes están sentados mirando o móbil. Ás veces oes os pais queixándose: “mira para eles, co móbil en vez de mirar os cabalos ou ir en barca”.

a chegada de familias dase máis en verán e Nadal

-Que buscan as persoas que se achegan até “Mi Tesoro”?

Pois temos de todo, desde xente que está a descubrir o norte, persoas que veñen directamente ao noso establecemento e a raíz diso fan días pola Mariña. Eses son os principais perfís. Sobre a permanencia, non temos un período máximo de estancia. En tempadas altas se hai un mínimo son dous días, coinciden en fin de semana. Logo a chegada de familias dase máis en verán e Nadal.

-Tedes pensado algún plan para ampliar a oferta de “Mi Tesoro”?

Temos un plan, si, mais polo de agora estamos con melloras que eran necesarias para desenvolver novas ideas máis adiante.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...