Francisco Martínez “Quico”: “As mesmas persoas que estaban co franquismo seguen cun poder moi grande na sociedade”

Entrevista Francisco Martínez “Quico” foi guerrilleiro antifranquista. Nunha conferencia organizada pola Asociación Arco da Pomba en Foz, falou sobre o que foi o movemento guerrilleiro antifranquista despois do golpe de estado de 1936. A súa vida transcorreu entre a loita contra o franquismo dentro e logo no exilio. Formoi parte da Federación Guerrilla Galicia-León. Co tempo acabou exiliado en Francia de onde volveu cando xa estaba xubilado. Considera que non se fixo xustiza tantos anos despois e quen tiña poder con Franco segue a telo hoxe en día en todo o Estado.


-Francisco, que motivacións tivo para entrar no movemento antifranquista e contra a ditadura?

Eu era moi neno cando o golpe de estado de 1936. A miña familia era republicana e viviamos nunha vila onde a maioría da xente votara polo Frente Popular. Despois do golpe de estado contra a República, tanto alí como aquí en Galicia, houbo actos de criminalidade e de represión incondicional e eu cando era neno, e todos os nenos da vila onde viviamos, vimos toda aquela barbarie, mortes, asasinatos con corpos tirados na rúa. Ademais diso estaba a represión sobre pais e nais que debían fuxir das bandas falanxistas e da Garda Civil que viñan roubando e asasinando. A partir de aí os nenos, por instincto, estabamos implicados axudando aos nosos pais para ocultalos dos falanxistas e despois poder volveren traballar os seus terreos. Así foi como nos implicamos dentro do que aínda non era un movemento distinto da autodefensa. Desa maneira comecei, mais ese proceso non acabou en oito días nin en tres anos de guerra senón que continuou. Moitos dos fuxidos tanto en Galicia como naquela parte de León mantiveron a esperanza de que a guerra non a perdese a República. Tentaron manterse coa axuda do pobo, a xente estaba con eles esperando os acontecementos xerais. Depois foise pasando dunha postura “neutral” a unha postura de resistencia. Pouco a pouco foise organizando o movemento de resistencia conseguindo unha escopeta ou unha pistola e así ir da pasividade á actividade.

-O que mantiña unida a esta xente era a solidariedade.

Si, creáronse redes de solidariedade para poder agochar a todas as persoas que estaban na clandestinidade, que non podían presentarse na vila. Houbo algúns que se presentaron logo dun bando onde dicía: “quen teña as mans libres de sangue que se presente”. Cando se presentaron asasináronos. Todo isto foise xestando cunha implicación social moi grande e moi ampla e iso era a maneira de sobrevivir. Na rúa e no monte non se pode sobrevivir eternamente. De aí vén a implicación popular e onde se crea unha mentalidade social de resistencia e apoio ás persoas ocultas e outras persoas que traballan para protexelos. E nese sentido, desde neno, vivín esa situación pois a casa dos meus pais era o refuxio para moitos fuxidos primeiro e logo para guerrilleiros cando optaron pola loita armada.

Despois do golpe de estado contra a República, tanto alí como aquí en Galicia, houbo actos de criminalidade e de represión incondicional

-Cando se crea unha estrutura de guerrilla ou cando toma forma a guerrilla antifranquista?

Chega un momento en que esa guerrilla crea unha estrutura. Foi en 1942 cando nace a Federación de Guerrillas León-Galicia. A estrutura que hai detrás valora a participación social e popular, non só a de guerrilla. A partir de aí creáronse grupos denominados Grupos de Información Republicana, Gente del Llano e xente que colaborabamos mesmo cando xa eramos mozos, así que o mesmo que os nosos pais, continuamos apoiando este movemento. Fixemos traballo de propaganda, ampliación da xente que nos podía apoiar. Nese traballo acabou descubríndome a policía pois se prendían a algún do movemento poderían aplicarlle a “lei de fugas” ou torturalo. Eu puiden escapar xusto cando estaban para prenderme cando era colaborador. Entón foi cando me unín á guerrilla.

creáronse redes de solidariedade para poder agochar a todas as persoas que estaban na clandestinidade

-Como soubo que a policía ou a Garda Civil estaban esperando para a súa detención?

A persoa que me denunciou tiña familiares republicanos, mais tamén tiña un irmán policía e non seguíu os sentimentos da familia e acabou denunciándome. Finalmente foron os seus parentes quen me avisaron xusto uns momentos antes de chegar a policía para a miña detención, así puiden escapar. Así en 1947 entro na guerrilla, son axente de información da Federación de Guerrilla León-Galicia que era unha federación unitaria, todos os partidos estaban vinculados a esta federación. Co tempo houbo compañeiros que non vían saída á acción de guerrilla e marchan ao exiliio, sobre todo inducidos polo Partido Socialista e así a Federación queda sen compoñentes. Logo na Coruña en 1944 aparece un proxecto de partido comunista que se consolida en 1946. Entón é cando se decide crear un exército guerrilleiro e en 1947 ingresamos nese exército. O que era a Federación converteuse na Segunda Agrupación do Exército Guerrilleiro e así até o último momento.

-Tiveron moitos enfrontamentos contra falanxistas, Garda Civil e policía?

Os falanxistas xa non actuaban daquela. A represión estaba xa máis en mans da Garda Civil, da policía e do somatén, grupos paramilitares que basicamente eran informadores. Os encontros militares normalmente eran coa Garda Civil ou algunha bandeira da Policía Armada que aínda quedaba nalgunhas zonas. A última acción na que participei había Policía Armada e Garda Civil.

Eu puiden escapar xusto cando estaban para prenderme cando era colaborador. Entón foi cando me unín á guerrilla

-Detivérono algunha vez ou pasou ao exilio directamente?

Nunca me detiveron. Fun ao exilio e debido á miña sensibilidade comunista o partido organizou a miña saída. O PCE mantiña a organización e aí é cando me poño a traballar politicamente na perspectiva da volta á España e alimentar a resistencia que quedaba no interior, porque a resistencia dentro de España continuou por outros medios organizando folgas, protestas e todo iso alimentouse desde a organización do PCE.

-Onde se exiliou e como foi a súa vida de exiliado?

Traballaba como calquera emigrante. A única cousa que nos diferenciaba da emigración era que tiñamos estatuto de dereito á residencia como refuxiado político. Francia tiña o compromiso de outorgalo despois dos Acordos de Xenebra e á Carta de Dereitos Humanos.

-Cales eran as súas actividades polítias desde o exilio?

Manter a organización e os contactos coas persoas que quedaban aquí. Unha das actividades era a recollida de medios económicos para os presos que quedaban en España.

-Cando regresou do exilio?

Volvín cando morreu Franco e decretan a lei de amnistía. Non volvín de maneira definitiva, quedei en Francia un tempo pois estaba a piques do retiro laboral e por iso quedei alí até que puiden ter a miña xubilación e así ter recursos pola miña conta. Canto xa tiven todo arranxado volvo definitivamente a España en 1990. Volvín cando xa había democracia que para min era unha democracia coxa e insensible á verdadeira xustiza social e política. Non hai ningún recoñecemento. As mesmas persoas que estaban co franquismo seguen cun poder moi grande na sociedade. Por iso considero que hai que seguir loitando para restablecer a verdade histórica. E logo, se imos aos dereitos humanos, todos debemos ser iguais ante a lei e non pode haber herdeiros do franquismo que seguen con privilexios e os que loitaron por unha sociedade democrática quedan esquecidos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here