ACISA Ribadeo prepara a V Edición das Xornadas Gastronómicas de Asturias en Ribadeo

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou que “decidimos apostar polas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se van celebrar do 21 ao 23 de outubro".


Acisa prepara unha nova edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se celebrarán os días 21, 22 e 23 do vindeiro mes de outubro. Este foi un dos asuntos abordados no encontro mantido pola xunta directiva do colectivo empresarial, que anima á hostalería local a inscribirse e participar nesta cita.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou que “decidimos apostar polas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se van celebrar do 21 ao 23 de outubro. Queremos render así homenaxe á veciñanza asturiana, que todas as fins de semana do ano se achega ata Ribadeo a tomar os viños, os vermús, a comer, a cear, a pasear ou a mercar no comercio local. A súa presenza é moi importante para nós e por iso volven estas xornadas”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, explicou que “os locais participantes ofrecerán tapas e menús especiais ao longo desa fin de semana do vindeiro mes de outubro. Animamos á hostalería local asociada a Acisa a irse anotando xa para participar nesas xornadas gastronómicas, que tan boa acollida tiveron nas edicións pasadas”.

Cruzado Iglesias sinalou que “as xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo foron desde o primeiro momento un reclamo tanto para os residentes na Mariña lucense como para os veciños e veciñas do Principado, de aí que as organicemos de novo este ano”.

Este foi un dos asuntos abordados na última reunión de traballo mantida pola xunta directiva de Acisa, na que tamén se programou para toda unha fin de semana a celebración en novembro do Black Friday, que será do 25 ao 27. Pérez Prada dixo que “será unha fin de semana de vendas importantes, na que moitas persoas xa aproveitan para facer compras de Nadal, beneficiándose así das promocións e descontos que atoparán no comercio de Ribadeo”.

A presidenta de Acisa Ribadeo engadiu que “o Nadal está aí, á volta da esquina, e desde Acisa os nosos esforzos vanse centrar nesas datas. Xa podemos adiantar que volverá de xeito presencial a Festa do Comercio, na que sortearemos importantes premios”.

O xerente de Acisa dixo que “quedan semanas de preparativos e de traballo para a campaña de Nadal, pero queremos que sexa importante para o comercio e para hostalería de Ribadeo. Estamos traballando nesa cita e ao longo das vindeiras semanas iremos dando conta de todo ilo ás nosas asociadas e asociados e tamén á sociedade ribadense e da contorna”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here