-Foches profesor de Filosofía e agora mesmo estás realizando actividades culturais en Foz.
Realmente non estou activo desde o punto de vista organizativo, o que si fago é desenvolver a miña afección pola música tradicional galega. Estou nun grupo de amadores da música tocando cancións populares tocando a gaita. Formei parte de asociacións culturais, entre elas “A Pomba do Arco”, da que fun directivo fundador e primeiro presidente e sigo sendo socio. Tamén formei parte da Asociación Folclórico-Cultural “A Subela”, onde tamén se buscaba conservar e interpretar o legado da musicoloxía galega. Mais agora prefiro que sexan persoas máis novas as que desenvolvan eses labores organizativos.
-Durante a túa faceta de profesor de filosofía, como vías a relación do alumnado con esta cadeira?
É unha materia que inicialmente lles resulta moi novedosa aos e ás adolescentes porque non forma parte do periplo académico anterior. Ao mellor un primeiro encontro con ela pode producir rexeitamento porque lles parece complexa. Mais cando se lles aproxima as súas entornas diarias, o seu proceder cotiá, que é a vida, aí xa se lles vai facendo asequible e mesmo demandan que te impliques como profesional para facerllo máis doado. Entón, para min a interrelación alumnado-profesor foi moi positiva, porque eu intentaba incentivar esa curiosidade que é propia de todas as materias e propio de rapaces e rapazas. A min chegábame con que o alumnado se fixesen preguntas. Ás veces eu entraba moi ilusionado ás aulas e despois podía saír decepcionado comigo mesmo, nunca cos alumnos e alumnas, porque ao mellor non me sentía capaz de chegar para que se implicasen nos contidos básicos da materia. Mais en xeral a experiencia foi positiva.
-Hoxe en día tamén estás involucrándote nas túas raíces, sobre todo por parte materna, pois os teus avós maternos eran portugueses. Cal é a historia detras desta parte da túa familia?
Está relacionado coas condicións vitais ligadas á busca dunhas mellores condicións de vida. Os meus avós eran inmigrantes relacionados coa profesión do meu avó Teotonio, a miña avoa chamábase Antonia. Teotonio era calçeteiro, canteiro especialista en labrar as pedras tan ben feitas que ves nas beirarrúas en Portugal. Daquela creárase unha demanda laboral para a apertura do tramo do FEVE entre Ortigueira e Ribadeo, entón meu avó veu unha vía de mellorar as condicións laborais, profesionais e familiares traballando nesta obra. A primeira das súas estancias foi en Viveiro e logo movíase segundo o avance do camiño de ferro. O oficio de canteiro era moi errante porque daquela obras había poucas e había que ir detrás delas. Durante aquela época tamén se estaban construíndo as casas indianas e en Foz en concreto, algúns dos edificios asociados coa Fundación Martínez Otero, por exemplo o que foi Asilo de Foz ou a actual Casa da Cultura, ambos os dous teñen unha certa afinidade coa arquitectura portuguesa sobre todo nas cornixas e nas volutas desas cornixas nas xanelas superiores. Esa é a pegada de canteiros portugueses que deixaron nesas obras. Entón, a raíz das edificacións relacionadas coa Martínez Otero, decidiron afincar en Foz. Eles viñeron con dous fillos maiores xa nacidos en Portugal, Paco e Avilio. Os outros tres, entre eles miña nai, naceron en Viveiro. Eses son os motivos polo que ficaron na Mariña.
-De que parte de Portugal eran estes familiares teus?
Eran da parte de Braga, dos arrabaldos da mesma cidade. En concreto de dúas freguesías que teñen nomes comúns da toponimia galega. Onde naceu meu avó chámase Ferreirós e onde naceu miña avoa chámase A Pontenova. O norte de Portugal é case unha continuación da xeografía galega e as relacións entre estas dúas áreas sempre foron moi estreitas por motivos culturais, lingüísticas e económicas. Eran unha familia moi humilde e que polas súas necesidades emigraron case todos e agora naquela área non queda ninguén da familia. A maior parte da miña familia portuguesa está na metrópole de Lisboa e outra parte pequeniña en Porto.
Daquela creárase unha demanda laboral para a apertura do tramo do FEVE entre Ortigueira e Ribadeo, entón meu avó veu unha vía de mellorar as condicións laborais,
-Como foi a relación que mantiveches cos teus avós?
Miña avoa morreu nova, a relación foi máis estreita co avó, que vivía na casa dun tío meu en Lugo. Recordo na miña infancia algo que me chamaba a atención. Eu son galegofalante e o español aprendino na escola. Mais na casa escoitaba por parte dos meus avós algo que non me era próximo e mesmo me pareceu un código entre eles para que non os entendesen, simplesmente falaban en portugués, o seu idioma natural. Sendo neno era inconsciente diso, mais sentía certa afinidade entre algunhas palabras, aída así sabía que non falaban galego.Cando fun coñecedor dos motivos disto, foi cando comecei a terlle querencia a todo o relacionado con Portugal, un país que mesmo está de moda, merecidamente. Digo isto porque souberon conservar as trandicións e enlazalas coa modernidade e aquí non sucedeu. O que descoñezo é como lle chegou ao meu avó a noticia de que había traballo no camiño de ferro.
-Sabes se houbo máis familias portuguesas que viñeran no mesmo tempo que a túa?
Sei que na Mariña hai máis familias Pinto coas que non teño parentesco, mais non sei se en relación ás obras do tren ou a outras circunstancias.
-Segues a intensificar a túa busca familiar en Portugal?
Hai algo que me gustaría facer e é que en Portugal podería elixir ao xefe do estado. No Estado español non se pode, mais grazas á nacionalidade portuguesa que vou adquirir, alí si poderei votar quen quero de xefe do estado por ser unha república.
-Xa tes a nacionalidade entón?
Cando teña as competencias lingüísticas necesarias poderei pedir a nacionalidade por ser neto de portugueses. Aínda estou nese proceso.
en Foz en concreto, algúns dos edificios asociados coa Fundación Martínez Otero, por exemplo o que foi Asilo de Foz ou a actual Casa da Cultura, ambos os dous teñen unha certa afinidade coa arquitectura portuguesa
-Buscando dentro das túas raíces encontraches algunha curiosidade máis alá das orixes?
Viaxo moito a Portugal e a miña primeira viaxe foi pola miña condición de estudante. Fomos á zona de Barcelos e quedei prendido da estrutura urbanística daquela vila. Vin que alí sabían axustar o patrimonio arquitectónico coas novas construcións. Non se fixo a desfeita que se fixo aquí. Esa vertebración do novo coa tradición urbanístico soubérono facer moi ben. Ademais, sempre estiven moi interesado na literatura portuguesa desde os meus anos mozos.
-Como foi a reacción familiar e das amizades cando souberon do teu desexo de pedires a nacionalidade portuguesa?
Moi positiva, ao final preguntábanme: vas ser portugués? Si vou selo, quero selo. A min gustaríame que para a xente nova fose unha opción máis desde o punto de vista dos estudos de idiomas, unha opción máis para abriren camiños mesmo profesionais en Portugal. Cando estiven na presentación deste curso CUALE, ao cal me convidou Bernardo Penabade en Burela, quedei moi satisfeito en ver que había un número importante de alumnos e alumnas que querían aprender portugués por cuestións prácticas. Teñamos en conta que o Grande Porto é unha área de oportunidades que se poden abrir profesionalmente. Por iso aceptei presentar o curso do CUALE e animar así ao alumnado. O CUALE está pensado para os rapaces e rapazas matriculados nos institutos para superaren as probas de acceso ás Escolas de Idiomas. A miña sorpresa foi comprobar que nas EOI da comarca, Viveiro e Ribadeo non hai portugués, entón tiven que ir a Lugo. Por iso digo que sería ideal que as EOI da Mariña puidesen ofertar o portugués.