InicioCentralBurelaVanesa Vila-Verde Lamas: "aprender portugués permite certificar coñecementos avanzados nunha lingua estranxeira...

Vanesa Vila-Verde Lamas: “aprender portugués permite certificar coñecementos avanzados nunha lingua estranxeira de forma fácil”

Vanesa Vilaverde é profesora no IES Perdouro de Burela. É profesora de lingua portuguesa e desde o Perdouro cre que ofrecer esta lingua como materia permitirá ao alumando abrir novas portas profesionais e académicas. Cre tamén que a comunidade caboverdiana poderá ter máis proximidade coas súas raíces e mellor achegamento ao galego. Para levar adiante o seu labor, Vanesa incluirá dentro da materia de lingua portuguesa achegarse á música e outras expresións culturais ligadas ao portugués.

Publicada o

- Advertisement -

É este o teu primeiro curso académico no IES Perdouro? Como valoras a receptividade á cadeira de portugués dentro da comunidade de alumnos e alumnas no Perdouro?

Si, este é o meu primeiro ano no IES Perdouro e tamén o meu primeiro contacto coa Mariña, e a pesar do pouco tempo que levo aquí, teño a sensación de que esta vai ser unha experiencia moi gratificante na miña vida, tanto polo bo funcionamento do centro como pola marabilla de alumnado que me encontrei. A receptividade aínda é tímida, mais eu confío en que esta aumente progresivamente por dúas razóns, a primeira porque é unha materia que calquera persoa galega pode enfrontar sen grandes dificultades, xa que a proximidade entre o galego e o portugués é tan grande que partimos cunha grande vantaxe, isto permite que os alumnos e alumnas dominen rapidamente unha lingua que os comunica cunha comunidade tan ampla como é a lusofonía. A outra razón que me fai pensar que a demanda da materia vai ir en aumento nos próximos anos é que o alumnado caboverdiano que estuda no Perdouro encontra nesta materia un reforzo da súa identidade, mais non só, tamén lles permite acceder mellor á lingua galega e, por tanto, unha mellor integración.

Cales son os obxectivos lingüísticos segundo os graos en que impartes aulas?

O principal obxectivo lingüístico é que o alumnado de portugués adquira as destrezas necesarias para comunicar en lingua portuguesa, para iso, a través de contidos que nos aproximan á cultura lusófona, os alumnos e alumnas conseguirán mellorar a súa expresión e comprensión tanto a nivel oral como escrito.

a proximidade entre o galego e o portugués é tan grande que  isto permite que os alumnos e alumnas dominen rapidamente unha lingua que os comunica coa lusofonía

Actualmente cando aprendemos unha lingua é porque cremos na posibilidade de abrirmos portas segundo os nosos obxectivos. Preguntaches ao teu alumnado cales son as súas expectativas co portugués ou que vías lles gustaría explorar a través desta lingua?

A lingua portuguesa está presente en 4 continentes e é falada por mais de 250 millóns de persoas, o cal a converte na terceira lingua romance mais falada no mundo. Por tanto, os alumnos e alumnas son conscientes de que estudar portugués abre moitas portas a nivel cultural, mais tamén a nivel profesional. En relación ás vías que os alumnos poden explorar a través desta lingua, a primeira que apuntan é a profesional, mais hai tamén unha vía afectiva que lles permite reforzar a súa identidade, pois moitas veces a través do portugués tamén conseguimos perfeccionar o noso galego, así por exemplo, encontramos nel moitas palabras que son comúns co galego, mais que neste xa se están a perder porque son substituídas por palabras en español.

Sen pensarmos no aspecto académico e profesional, cales son os principais aportes de aprender portugués para os mozos e mozas no IES Perdouro?

En relación ao aspecto académico, aprender portugués permite certificar coñecementos avanzados nunha lingua estranxeira de forma fácil. Isto abre portas para os alumnos e alumnas poderen realizar estudos superiores en Portugal, que está aquí ao lado e que conta con universidades de moito prestixio. De feito, este é o segundo ano que se oferta o CUALE no Perdouro, a través do cal os alumnos e alumnas que cursan bacharelato, ciclos medios ou superiores poden asistir a aulas para preparar as probas de certificación no nivel B1 das EOI.

os alumnos e alumnas son conscientes de que estudar portugués abre moitas portas a nivel cultural, mais tamén a nivel profesional

En relación ao Perdouro e a Burela, cales son as potencialidades que ofrece esta vila para o desenvolvemento do departamento de portugués? 

A vila de Burela conta con unha comunidade caboverdiana moi importante e numerosa, moitos dos cales están a estudar no Perdouro. Por tanto, o departamento de portugués tórnase imprescindible para complementar o excelente traballo que desenvolve o Perdouro, pois a través do portugués esta comunidade reforza a súa identidade ao mesmo tempo que lles serve de ponte para se desenvolveren mellor en galego e, por tanto, unha mellor integración na escola e na vila.

Á parte de material audiovisual da propia cadeira, usaranse elementos como programas subidos á rede da RTP ou outras emisoras lusófonas?

O material audiovisual é unha ferramenta de traballo moi importante nas nosas aulas, pois a idea é que os alumnos e alumnas entren en contacto coa cultura e a actualidade lusófona. Así, a música, a prensa, a radio, a televisión, os filmes etc. serán instrumentos de traballo fundamentais, de tal forma que sexan adquiridos os coñecementos lingüísticos, mais tamén os socioculturais. Porque para comunicar de forma efectiva nunha lingua é imprescindible ter un coñecemento máis amplo das sociedades que a falan.

Daráselle importancia á música contemporánea e clásica en portugués (que artistas serían as máis recomendadas)?

A música ten que estar presente necesariamente, porque a través da música accedemos tamén á cultura lusófona, que é moi rica e variada. Sempre encontramos cancións que falen sobre os temas que estamos a traballar nas aulas, que ademais de permitir desenvolver a destreza da comprensión oral tamén permite que os alumnos e alumnas descubran novos cantantes e estilos musicais que despois poderán escoitar nas súas casas e, por tanto, ter un contacto mais continuado coa lingua que están a aprender.

a música, a prensa, a radio, a televisión, os filmes etc. serán instrumentos de traballo fundamentais, de tal forma que sexan adquiridos os coñecementos lingüísticos

Por último, que lle dirías ás persoas de Burela para se animaren a aprender e achegarse á cultura portuguesa?

Pois diríalles que teñen unha oportunidade moi boa, pois estudando portugués están a abrir moitas portas para o seu desenvolvemento formativo e profesional. O portugués é unha lingua na que, grazas ao galego, van poder avanzar moi rápido e iso tradúcese en que van poder alcanzar un dominio alto ao acabaren o ensino obrigatorio, o bacharelato ou os ciclos formativos que llesmpermita ampliar horizontes no mercado laboral. Mais tamén lles diría que estudar portugués é moi divertido e que non se van arrepentir da súa escolla, porque as aulas son moi dinámicas e participativas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...