A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia activará a alerta laranxa este sábado na bisbarra da Mariña Lucense por un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro.
O aviso laranxa ficará activo desde as 6.00 horas da madrugada na costa noroeste e oeste da provincia da Coruña, e comezará na costa de Lugo sobre as 12.00 horas.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) agarda mar combinado do noroeste, con ondas de cinco a seis metros, con vento do suroeste, de forza 7, con posibilidade localmente de forza 8 nas primeiras horas do día.
Debido ao temporal costeiro, a Xunta recomenda a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva para as zonas máis perigosas.
ATA O DOMINGO
Espérase que este fenómeno remita ao longo das primeiras horas do domingo.