O Valadouro proclamouse campión da primeira edición das Olimpíadas da Mariña Central trala disputa da última proba, celebrada en Mondoñedo.
O equipo valadourense sumou un total de 650 puntos, polos 575 tantos obtidos por Lourenzá, que acadou o segundo posto, e os 500 que conseguiron Cervo e Mondoñedo, que compartiron a terceira praza.
Tamén participaron na competición Foz, Burela, Alfoz e Barreiros.
Despois da proba cultural -que se celebrou en Alfoz-, da artística -que foi en Burela– e da deportiva -disputada en Foz-, os xogos populares decidiron o campión das Olimpíadas.
Nun ateigado pavillón de Viñas da Veiga sucedéronse as probas do tiro á corda, a cadeira da raíña ou a carreira de sacos. Finalmente, os 200 puntos do Valadouro valéronlle para asegurar a vitoria.
Tamén participaron na competición os municipios de Foz, Burela, Alfoz e Barreiros. Unhas 300 persoas de oito concellos competiron nunhas Olimpíadas que foron todo un éxito.
Baseadas na idea das Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz, as da Mariña Central cumpriron o obxectivo de tender pontes entre os termos municipais da bisbarra.