IniciosociedadeSergio López: "Consumir peixe é un xeito de vida sá sobre todo...

Sergio López: “Consumir peixe é un xeito de vida sá sobre todo para as familias con nenos”

O Camiño Gastronómico do Mar é unha iniciativa que suma o Camiño do Mar, que percorre a costa norte de Galicia de Ribadeo a Neda, e a gastronomía relacionada co mar. En principio naceu para dar un apoio á hostalaría durante o máis duro da COVID, mais agora evolucionou en dous anos e así este 2022 a OPP 7 de Burela, matriz do proxecto, colabora coa Asociación Cociñeiros de Lugo para crear degustacións a base de peixe e ao mesmo tempo fomentar a vida e a alimentación sá.

Publicada o

- Advertisement -

-Como se foi xestando a idea de maridar o Camiño do Mar coa gastronomía mariñeira ou de pesca?

Xa vamos pola terceira edición. Comezamos en 2020 durante a pandemia e aí foi cando nos marcamos un obxectivo triplo. O primeiro foi apoiar as reivindicacións da Asociación de Amigos do Camiño do Mar para darlle visibilidade ademais do seu recoñecemento como ruta. Falamos dunha ruta que atravesa a Mariña e Norte da Coruña e que vai de Ribadeo até Neda e que consideramos interesante a nivel turístico e para darlle visibilidade á nosa zona. O segundo obxectivo era apoiar naquel momento o sector da hostalaría que estaba reiniciando a súa actividade logo de meses pechado e estaba a pasalo mal. O terceiro obxectivo é o noso, a promoción de consumo de peixe. Así foi o primeiro ano e o segundo fixémolo igua. Quen facía a peregrinación era o peixe. Escollemos catro especies, unha de cada frota das máis representativas. Faciamos unha ruta entre Ribadeo e Neda parando en dous restaurantes de cada concello. Iamos as fins de semana percorrendo unha Ruta do Peixe. En total quince concellos entre a costa de Lugo e a costa norte da Coruña.

-O ano pasado repetiron a mesma fórmula?

Fíxose unha ruta igual aínda que creamos a nosa “Compostela”, un documento onde ían poñendo selos nos distintos restaurantes que participaban nas degustacións. Así foron os dous primeiros anos, este terceiro temos máis cambios. Este 2022 queremos non só peregrine o peixe, tamén as persoas. Entón, en vez de facelo con dous hostaleiros de cada concello a quen lles entregabamos o peixe e cada un preparaba a súa degustación, a iniciativa deste ano é facelo coa Asociación Cociñeiros Lugo, pois xuntos estivemos facendo varias promocións durante todo o ano, ademais esta asociación conta coa colaboración de varias empresas relacionadas coa hostalaría. O que imos facer a finais deste 2022 son etapas polos concellos da costa de Lugo. Serán percorridos de aproximadamente 20 quilómetros para camiñar os domingos e dentro de cada etapa pisaremos dous concellos. O primeiro foi Ribadeo-Barreiros, Foz-Burela, Cervo-Xove e Viveiro-O Vicedo. Ao final de cada etapa a Asociación de Cociñeiros terá a degustación de dous produtos pesqueiros como un pincho de fin de percorrido. Se todo sae ben, en primavera seguiremos polo norte da Coruña.

O primeiro foi apoiar as reivindicacións da Asociación de Amigos do Camiño do Mar para darlle visibilidade ademais do seu recoñecemento como ruta

-Describa a “Compostela” que se entrega ás persoas participantes.

É un díptico que o ano pasado se selaba en cada un dos restaurantes, por tanto, todo aquel que tiña o selo de máis dun concello participaba nun sorteo final. O ano pasado sorteamos un lote de peixe. Este ano o que facemos é unha “Compostela” co selo dos oito concellos de Lugo, de maneira que se tes a sinatura de máis dun concello entras no sorteo dunha cea para dúas persoas nun restaurante asociado a Cociñeiros Lugo. Este ano, para anotarse, ábrese un período de inscripción até a última hora do xoves para ter unha previsión da xente anotada. Substituímos o que son os restaurantes privados pola Asociación mais os obxectivos son os mesmos, promocionar a vía saudable a través do camiñar e do comer.

-Que resultados estades observando en Peixe de Burela con promocións como esta?

É difícil de cuantificar. Hai empresas que se dedican a estudar os impactos, colocar publicidade pode garantir unha media de lectores, mais o resultado final non se pode cuantificar ou medir. Podemos falar das accións de divulgación para poñer en valor o peixe de Burela, todas contan, aínda así non existe unha maneira de valorar este traballo. Durante os últimos anos fixemos fortes campañas de promoción e iso deulle prestixio tanto á frota, á lonxa e ao produto. Ao final depende máis da oferta e da demanda, dos prezos ou a valorización. Ás veces un elemento tén máis predicamento por unha determinada canle, familia ou hostalaría por exemplo, e ao mellor ten menos noutra canle. Nós facemos toda a promoción é para poñer en valor o consumo de peixe e, non obstante, hai un dato que é o descenso no seu consumo durante os últimos anos. Queremos demostrar que é un produto saudable e con moitas posibilidades.

Este ano o que facemos é unha “Compostela” co selo dos oito concellos de Lugo

-Precisamente sobre o consumo, os nenos e nenas son os que menos comen peixe. Existe a idea de realizar un Camiño Gastronómico do Mar para os máis pequenos?

Non estamos pensando nese punto pois agora temos varias accións abertas e porque temos a mesma acción para maiores e pequenos. Agora estamos acabando unha campaña de “Merluza de Burela” en cidades de Castilla y León dirixida especialmente a familias con nenos e para iso deseñamos mupis e o seu transporte mediante bicicleta, desta maneira vendemos o que é a vida sá para familias con menores. Ese substrato social era onde máis se reducía o comer peixe. Con isto vendemos as boas cualidades da pescada de Burela e ao mesmo tempo con receitas simples para que gusten aos nenos e sexan doadas de preparar. A semana próxima realizaremos unha acción chamada “Peque Peixe” para traermos os colexios á lonxa e facer xogos con eles. Hai uns días realizamos unha palestra nun colexio, logo faremos outra noutro centro distinto e así intentaremos facer unha cada mes ou cada dous meses. Existen outras actividades co Camiño de Santiago como protagonista. Unha delas foi a realizada coa Red de Paradores porque foi unha proposta de Patrimonio para facer unha ruta cos paradores situados no Camiño. Sempre estamos buscando a maneira de facer eventos con maiores e pequenos. Tamén facemos campañas en grandes cidades como Madrid ou Barcelona, tamén por outras autonomías e con casas de turismo rural. Participamos este pasado xoves 10 de novembro no “Xantar” de Ourense dentro do stand da Xunta, así pois temos unha grande variedade de temas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...