Asturias non recoñece como galego a variedade lingüística falada entre os ríos Eo e Navia e pasa a chamala ‘eonaviego’

Desde a asociación Axuntar sinalan que a Academia da Llingua Asturiana como desde o propio goberno de Asturias veñen usando dun tempo para acó como equivalente ao primeiro coa intención de borrar calquera referencia ao galego na denominación da lingua que falan decenas de miles de asturianos, e que merece a mesma protección que o asturiano.


A asociación Axuntar (Asociación prá normalización del galego de Asturias) declara nun comunicado dado a coñecer este domingo 27 de novembro, que o goberno do Principado de Asturias vulnera a lei co glotónimo “eonaviego” para referirse ao galego falado entre os ríos Eo e Navia.

Así mesmo, Axuntar presentou alegacións tanto ao Proxecto de Decreto que regula a Oficina de Dereitos Lingüísticos do Principado de Asturias como ao Decreto de Certificación de Niveis de galego-asturiano.

O prazo de presentación de alegacións en relación con dúas iniciativas lexislativas do goberno asturiano finalizou esta semana. A primeira iniciativa é o Proxecto de decreto polo que se establecen os niveis de competencia no uso do galego-asturiano. A segunda iniciativa é a Proposta de novo Decreto polo que se crea e regula a Oficina de Dereitos Lingüísticos.

Coas súas alegacións, Axuntar entende que o executivo de Adrián Barbón pretende substituír pola porta de atrás o glotónimo vixente na lexislación actual, galego-asturiano, polo termo alegal ‘eonaviego’. Desde Axuntar sinalan que a Academia da Llingua Asturiana como desde o propio goberno de Asturias veñen usando dun tempo para acó como equivalente ao primeiro coa intención de borrar calquera referencia ao galego na denominación da lingua que falan decenas de miles de asturianos, e que merece a mesma protección que o asturiano.

Aducen ademais que un decreto non pode contradicir a lei rexional na que se basea. De conformidade co disposto na Lei 1/1998, do 23 de marzo, sobre o seu uso e promoción bable/asturiano, a proposta actual de introducir unha nova denominación para o galego de Asturias é improcedente. Non existe recoñecemento legal da expresión ou glotónimo “eonaviego”, porque esa lei refírese a ela como “galego-asturiano”.

A asociación denuncia que, a pesar de que na resolución que ordena “o inicio do procedemento para a elaboración dunha disposición de carácter xeral pola que se crea e regula a oficina de dereitos lingüísticos”, e tamén noutros apartados do texto, recoñécese expresamente que se está desenvolvendo a Lei 1/1998, do 23 de marzo, no articulado da proposta de Decreto, e facendo caso omiso á propia lei que desenvolve, engádese sempre o apéndice “o eonaviego”, que carece de recoñecemento legal, coa vontade de ir avanzando no abandono do glotónimo legal (“galego-asturiano”), que aos poucos pretenden ir substituíndo polo primeiro. Engadindo ademais unha Disposición Adicional na que se remarca esa intención do goberno de acuñar, vía decreto, algo que non foi aprobado por lei na Junta General do Principado e preparar así a súa utilización en regulacións posteriores.

Lembran que, dado que o galego de Asturias non ten status de oficialidade, é aplicable o disposto na Parte II da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas (CELRM), e máis en concreto, o artigo 7.1.apartado b., que se vulnera co texto do decreto. Segundo ese artigo “en materia de linguas rexionais ou minoritarias, nos territorios nos que se falen ditas linguas e segundo a situación de cada unha delas, as Partes basearán a súa política, a súa lexislación e a súa práctica”, entre outros, no principio do “respecto da área xeográfica de cada lingua rexional ou minoritaria, actuando de tal sorte que as divisións administrativas xa existentes ou novas non sexan un obstáculo para o fomento da devandita lingua rexional ou minoritaria.”

Para Axuntar, é evidente que ao denominar á lingua que se fala no Occidente de Asturias “eonaviego” preténdese evitar identificala como a variante da lingua galega que é, o que constitúe un obstáculo artificioso para o fomento desta lingua, desvinculándoa do seu tronco lingüístico polo mero feito de existir unha fronteira administrativa, algo expresamente proscrito no mencionado artigo da CELRM.

Engaden que tras alcanzarse un certo consenso na denominación “galego-asturiano” ou “galego de Asturias”, calquera intento de alterar esta denominación, ademais da súa evidente ilegalidade, non só supón un paso atrás na historia sociolingüística, senón que tamén significa a aplicación de dúas varas de medir a diversidade lingüística asturiana, por canto se pretende cometer a mesma inxustiza que primeiro se cometeu co asturiano.

A asociación esixe que no texto de decreto polo que se crea e regula a Oficina de Dereitos Lingüísticos, para referirse á outra lingua propia de Asturias distinta do “bable/asturiano” ou “asturiano” se utilice unicamente a denominación “galego-asturiano”, eliminando o termo “eonaviego” que figura na proposta de decreto.

Tamén que se recoñeza a filiación asturleonesa do asturiano e a filiación galegoportuguesa do galego-asturiano, considerando un principio fundamental de interpretación deste decreto o respecto da área xeográfica de cada lingua rexional ou minoritaria, actuando de tal forma que as divisións administrativas xa existentes ou novas non sexan un obstáculo para o fomento da devandita lingua rexional ou minoritaria.

Nas súas alegacións, a asociación Axuntar lembra que o galego que se fala en Asturias ten a súa orixe na lingua medieval denominada galaico-portugués, que procede do latín. O galaico-portugués, o idioma das Cantigas a Santa María, do Rei Alfonso X o Sabio, está presente na Colección Diplomática do Mosteiro de Vilanova de Oscos, onde se conserva unha importante cantidade de documentos (superada en número só pola catedral de Oviedo e algunhas abadías da zona central de Asturias); documentos que sitúan esta comarca asturiana como un dos lugares de referencia na orixe dos idiomas galego e portugués.

O galego-asturiano constitúe por tanto un importante patrimonio cultural inmaterial, pero, por encima de todo, é un idioma vivo de Asturias, unha variedade dialectal do galego, e a súa existencia require o recoñecemento e protección, nos mesmos termos que rexen para o resto de falantes das outras linguas da comunidade autónoma. Nese sentido, o recoñecemento e respecto á denominación desta lingua (“galego-asturiano”, conforme á lexislación vixente) é condición sine qua non para garantir a normalización do idioma e o respecto e protección que ten encomendados precisamente a Oficina de Dereitos Lingüísticos.

Veremos se o executivo asturiano decide saltar por encima da Constitución Española, do Estatuto de Autonomía e da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, ou escolle manexar estes asuntos con sensatez e respecto ao idioma galego que se fala en Asturias e aos seus miles de falantes.

1 COMMENT

  1. Estes deben ser os mesmos que os da Ría do Eo, “eonaviego” puffff , inventan donde non hay…e si chega a Luarca que e, “eoluarques” ? 😵‍💫😵‍💫😵‍💫

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here