O Camiño Gastronómico do Mar percorreu esta fin de semana a etapa Cervo-Xove

Os participantes no "Camiño Gastronómico do Mar 2022" poden selar en cada concello a súa particular "Compostela" e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na Mariña.


A pasada fin de semana celebrouse a terceira das catro etapas do “Camiño Gastronómico do Mar 2022”, que organiza a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.

O domingo 27 de novembro pola mañá uns 70 peregrinos, entre os que se encontraba o director xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, percorreron un tramo duns 16 km do “Camiño do Mar” entre os concellos de Cervo e Xove: desde o Paseo dos Namorados, en pleno conxunto histórico-artístico de Sargadelos, ata o pavillón municipal de Xove, onde esperaba aos peregrinos unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo de chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrella Galicia.

O chef Suso Villarino preparou receitas de peixe espada e pescada do pincho de Burela, en representación das diferentes frotas burelenses de altura: “Pastelón de Merluza de Burela con alga codium e berberechos” e “Verdina con Peixe Espada”.

O vindeiro domingo 4 de decembro celebrarase a última etapa desta edición, que durante catro fins de semana leva percorrido os oito concellos da costa lucense polos que pasa o Camiño do Mar. A cuarta etapa sairá desde a praia de Area, en Viveiro, e despois de percorrer uns 14 km chegará a Riobarba, no Vicedo. A degustación final de “Peixe de Burela” terá lugar na escola unitaria de Riobarba.

Para participar nesta última etapa é necesario inscribirse antes do xoves na web de la asociación (https://www.asocaminodelmar.com/acciones/camino-gastronomico).

Ademais, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2022” poden selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na Mariña.

Esta campaña, que conta coa colaboración dos concellos polos que discorre a ruta e de Armadores de Burela, enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca; e serve un ano máis para fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here