Tres negocios animarán o conxunto histórico de Sargadelos

Unha empresa de artesanía, un centro ecuestre e un posto de alimentación ecolóxica funcionarán desde o verán

Villares e López, cos emprendedores. ARQUIVO XORNAL DA MARIÑA

Tres empresas formarán parte do novo Centro de Artesanía e Emprendemento do Concello de Cervo. Os emprendedores gozarán do respaldo do goberno local, que cederá en rexime de aluguer os locais habilitados no edificio das Cabalerizas, no conxunto histórico-Artístico de Sargadelos, e comezarán a súa actividade no vindeiro verán.

Un dos primeiros negocios que ten asignado un local é un centro ecuestre e de terapia, Cabaliño de Pao, Espazo Natural. Os impulsores, coñecedores do mundo dos cabalos, programarán actividades de lecer cos animais para toda clase de públicos. Tamén prestarán servizo as persoas con algún tipo de diversidade funcional mediante a realización de técnicas e exercicios de equinoterapia. Esta empresa utilizará o espazo exterior anexo ao edificio das Cabalerizas, con cuberta e de 100 metros cadrados, e tamén dun dos locais interiores.

QUEDAN LIBRES OUTROS TRES LOCAIS DOS QUE OFRECE O CONCELLO EN préstamo

Tamén haberá un posto de artesanía. ArtesaNuRa busca o seu espazo no mercado artesanal con creatividade e materias primas de calidade e ofrecerá obradoiros de promoción da súa actividade. Estes dous negocios únense á empresa de alimentación ecolóxica que solicitou un espazo seis meses atrás.

ALUGUER DE 20 EUROS MENSUAIS

Quedan libres tres dos seis locais cos que conta o Concello no edificio. O goberno local lembra que calquera persoa interesada en levantar unha empresa relacionada co sector artesanal terá prioridade na súa asignación, pero tamén poden optar a un espazo negocios dos sectores da produción ecolóxica, o turismo ou a hostalería. Os requisitos a cumprir son “moi accesibles” e o aluguer a satisfacer é de 20 euros mensuais.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de emprego, Manuela Méndez, tiveron unha toma de contacto cos novos arrendatarios dos locais. “Estes mozos traen ideas frescas e a partir do verán darán vida ao conxunto histórico, e a súa actividade ofrecerá un valor engadido a esta zona”, afirmou o rexedor.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here