A pista de xeo de Ribadeo contará dun DJ nas noites dos venres e sábados

A instalación abrirá do 21 de decembro ao 7 de xaneiro e os clientes da Acisa terán descontos

Presentación da pista de xeo. AXM

O Concello de Ribadeo e maila Acisa disporán por cuarto ano consecutivo a pista de xeo natural XL. A novidade deste Nadal serán as sesións nocturnas de patinaxe, os venres e sábados.

Eses días, de 22.00 a 23.00 horas, haberá un DJ que poñerá música. A pista de xeo natural de Ribadeo abrirá do 21 de decembro -de tarde- ao 7 de xaneiro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas, agás o 24 e o 31 de decembro, que pechará ás oito da tarde.

300 METROS CADRADOS

O acceso á instalación, que terá 300 metros cadrados, terá un prezo de seis euros, aínda que os clientes do comercio local ribadense que fagan compras superiores a 20 euros poderán acceder a descontos do 50%.

A Acisa indica que entregará 10.000 tiques entre todos os establecementos asociados, que terán a partir do vindeiro venres.

Presentaron a iniciativa o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, e as concelleiras de turismo e xuventude, Ana Martínez e Vanesa Yanes, así coma o xerente e o vicepresidente de Acisa, Jesús Pérez e Juan Andina, e o vogal da asociación Ramón Loredo.

O rexedor resalta que “Ribadeo compite nisto coas grandes cidades porque, que saibamos, ningunha vila mediana ou superior en poboación ao noso concello ten a pista de xeo. Témonos que ir ben lonxe de aquí, en grandes capitais, para que nenos e adultos podan disfrutar de todo isto”, asegura.

No tocante ao DJ, Suárez Barcia sostén que “non somos como o alcalde de Vigo, pero queremos emular a Central Park ou ao Rockefeller Center”.

DINAMIZAR O CONSUMO

O xerente da Acisa, pola súa banda, afirma que a iniciativa axudará a “dinamizar as compras e o consumo. Para nós é un investimento elevado, pero tamén moi solicitado polos socios”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here