As ambulancias que circulen en dirección ao Hospital da Mariña, en Burela, poderán evitar os desvíos alternativos propostos polo Ministerio de Transportes (Mitma) tras o corte da estrada N-642, que permanece cortada ao tráfico á altura do acceso a Burela desde Foz debido a unha focha producida polas fortes choivas caídas na zona nos últimos días.
Para iso, habilitouse para o transporte sanitario un paso próximo, nas inmediacións da praia de Areoura, co obxectivo de que as ambulancias poida chegar ao hospital comarcal canto antes.
Para os demais vehículos, o Mitma decidiu desviar o tráfico pola estrada LU-162 e a LU-P-1502. Así, desde Cangas de Foz, o roteiro do itinerario recomendado pasa polas estradas LU-162, cara a Ferreira do Valadouro, e LU-P-1502, en sentido Burela.
De maneira alternativa, desde a LU-162 en Ferreira do Valadouro, o itinerario poderá continuar pola LU-161 e a LU-540 ata Viveiro, para incorporarse novamente á N-642 a través da CG-2.3 en Xove.
Así mesmo, Mitma confirmou que o corte total responde ao “embalsamento de auga derivada dos últimos episodios de intensas choivas na marxe esquerda desta estrada e a aparición de gretas e unha focha, no punto quilométrico 42,3”.
Ante esta situación, o Ministerio trasladou que xa traballan na zona “con medios materiais e humanos” e analiza as distintas solucións ao problema “para que as afeccións sexan as mínimas posibles”.