Dúas persoas, veciñas da localidade lucense de Riotorto e do municipio asturiano del Franco — de 49 e 64 anos de idade –, foron detidas o pasado mércores 3 de maio en Ribadeo e na Caridade como supostos autores dun delito contra os dereitos dos traballadores por, supostamente, contratar a inmigrantes irregulares para unha empresa de axuda a domicilio asturiana.
Segundo trasladou o Instituto Armado, a investigación iniciouse tras ter coñecemento de que persoas de nacionalidade estranxeira e con estancia irregular en España contactaban, “por necesidades económicas e laborais”, cos presuntos autores, que ofrecían traballos asistenciais como coidadoras en domicilios de Galicia e Asturias.
Así mesmo, explicou que as vítimas accedían ás condicións laborais e económicas que lles ofrecían “dada a súa necesidade persoal e a vulnerabilidade pola súa situación irregular”. Ademais, as persoas que contrataban estes servizos consideraban que se trataban de contratos legais, efectuando os pagos tanto en metálico como a través de transferencia bancaria.
A investigación continúa aberta e a Garda Civil non descarta novas detencións en datas próximas, así como máis vítimas na trama delituosa.