A Policía Nacional conclúe que o incendio que calcinou un camión de madeira no polígono industrial de Landrove foi intencionado.
Ademais de constatar a existencia de seis focos diferentes de emisión do lume, todos nas rodas do camión, a investigación documentou rastros de líquidos acelerantes.
Así, fontes da Comisaría de Viveiro confirman a hipótese apuntada desde o inicio como a máis probable, a de que o lume foi provocado.
A investigación continúa. Os axentes estanse a centrar en comprobar as imaxes das cámaras de vixiancia que hai preto do lugar do incendio, así como en consultar a posibles testemuñas.
Está previsto que o propietario do vehículo, J. A. S., da empresa Suolitrans, declare ao longo da xornada do venres.
FOLGA
A partir da información que achegue a testemuña, os axentes comprobarán se o acontecido ten relación co paro de subministración de madeira ás fábricas de Ence en Navia e Pontevedra.
Os transportistas iniciaron na pasada Noiteboa a folga, que desconvocaron na tarde do xoves, horas despois de producirse o incendio.