Unha árbore caída sobre a vía do tren en Moeche impediu o paso dun convoi e afectou o tráfico ferroviario na liña Ferrol-Ribadeo nas últimas horas, aínda que o tráfico quedou restablecido pouco despois e non se rexistraron feridos entre os pasaxeiros, que puideron continuar a súa viaxe noutro tren.
A alerta saltou sobre as 21,00 horas deste mércores, cando un dos pasaxeiros contactou co CIAE 112 Galicia para alertar de que o tren de liña estreita no que viaxaba parara. Esta persoa asegurou que non necesitaba atención sanitaria, aínda que se atopaba moi nervioso.
O 112 informou a Adif Emerxencias, que xa tiña constancia do incidente. A árbore caída na vía impedía ao tren continuar a súa marcha, quedando parado no punto quilométrico 35,600 á altura de Labacengos, entre a estación de Cerdido e Cuqueira.
Nese momento viaxaban 7 persoas no convoi, pero ningún necesitou asistencia sanitaria. A pesar diso, o 112 alertou ao 061, á Garda Civil, a Bombeiros do Eume e ao GES de Ortigueira. Os pasaxeiros foron trasladados a outro tren e completaron a viaxe sen incidencias, mentres que a circulación quedou totalmente restablecida nese punto sobre as 23,00 horas.
- Advertisement -