A desaparición da carpintaría de Francisco Fra, a única de ribeira que quedaba na comarca da Mariña, supón un forte golpe para unha maneira de traballar da que este estaleiro era o último representante en toda a comarca.
Francisco Fra hai dous anos falaba con Xornal da Mariña lembrando que o seu desexo foi quedar a traballar no estaleiro que levaba a súa familia desde xeracións atrás. “O barco máis grande fíxoo o meu avó, un cargueiro de 38 metros de eslora un cargueiro que se chamaba “María Dolores del Carmen” aló polo ano 1942″.
Ramón Collazo, presidente de AGALCARI (Asociación Galega de Carpintería de Ribeira) xa falou con Francisco Fra: “está afectado, por suposto, mais nós estaremos ao seu carón, aínda non sabemos que tipo de acción podemos levar adiante para apoialo dalgunha maneira, mais estaremos aí con el”.
“A ver se é posible reunirme mañá con el para falar con el. É que non falamos só dunha vida, falamos de xeracións e xeracións, 200 anos” lembra Collazo.
Dentro do estaleiro gardábanse planos e perfís de embarcacións que, en moitos casos, xa desapareceron das rutas mariñeiras. Actualmente Francisco Fra daba aulas a persoas con interese na carpitería de ribeira para aprender técnicas ademais de restaurar barcos de madeira tradicionais. Á parte disto tiña a idea de crear un “barco escola” tanto para aprender recuperar maneiras de navegar a vela. O barco sería unha goleta que restauraría mais non puido ser como dixo el “por razóns políticas”.
Polo de agora toca esperar a decisión que vai tomar o dono de cara ao futuro, aínda que non son poucos os que teñen ganas de apoialo de cara a súa volta á actividade.