A Garda Civil interveu máis de 40 quilos de lagostino nunha furgoneta no marco dun control establecido por axentes de Xove e Ribadeo na estrada N-642. O operativo realizouse o pasado venres sobre as 20.50 horas. Tal e como trasladou o Instituto Armado, o control estableceuse no punto quilométrico 40,8 desta vía no marco dun operativo de control de produtos alimentarios ou mercadorías perecedoiras.
Alí, deron o alto a unha furgoneta na que viaxaban nove persoas e, ao verificar a carga do vehículo, comprobaron que portaba seis envases de plástico sen etiquetar en cuxo interior había lagostinos. Ao solicitar a documentación, o condutor indicou que as capturas procedían dun buque pesqueiro que descargara en Avilés (Asturias). Unha vez comprobada a notificación previa do desembarque, constaban un total de 13,15 quilos de lagostino.
Por iso, trasladouse a mercadoría á lonxa de Burela, onde unha vez pesada arroxou un total de 41 quilos. Así, “ante a carencia de calquera indicio de rastrexabilidade”, procedeuse ao comiso da totalidade da mercadoría transportada, que quedou depositada nunha cámara de fresco para a súa posterior entrega a un centro benéfico.