A Garda Civil detivo a unha persoa e investigado a outra en relación cun suposto furto de aparellos de pesca, artes e efectos navais nunha empresa da Mariña para posteriormente vendelos. En total, subtraeu obxectos por un valor aproximado de 80.000 euros. Trátase da ‘Operación Bitácora 4.0’, iniciada despois de que o pasado mes de abril se tivese coñecemento do roubo destes utensilios. No transcurso da investigación, o Instituto Armado analizou varias páxinas web onde se ofrecían á venda os aparellos, supostamente de maneira ilícita. Ademais, comprobouse, en colaboración co establecemento, que non constaba que eses produtos se vendesen.
As indagacións posteriores permitiron obter as identidades das persoas que podían ter estes obxectos, así como doutras que en diversas localidades da Mariña parecían que estaban a efectuar operacións comerciais con eles. Así, os axentes puideron recuperar parte dos efectos navais sustrídos, que dispuñan de embalaxes orixinais, códigos e marcas rexistradas. Desta maneira, procedeuse á detención do presunto autor, que supostamente durante anos estivera furtando material nas naves e almacéns da empresa, aproveitando a vinculación que mantiña coa mesma. A persoa apresada e a investigada foron postas a disposición xudicial.