Unha muller tivo que ser trasladada o Hospital de Burela tras arder este venres unha parte da vivenda na que residía no municipio lucense de Cervo. Segundo informou o 112, o lume foi de tal magnitude, que afectou completamente ao teito da segunda planta, do que só quedaron as vigas.
A chamada dun particular ás 16.45 informaba ao 112 Galicia dun lume que se iniciou no salón da vivenda por mor da cheminea no lugar A Fionza, en Cervo. Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia deron conta a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, ao GES de Cervo, á Garda Civil, aos axentes da Policía Local e aos Membros de Protección Civil de Cervo.
Tras levar a cabo as tarefas de extinción, os bombeiros informaron de que ardera a cheminea por completo, polo que dúas estancias da planta superior da vivenda estaban afectadas, así como todo o teito, do que só quedaron as vigas. Debido a isto, as autoridades municipais buscan unha vivenda alternativa para as persoas afectadas.