O tráfico ferroviario entre Ortigueira e Ribadeo quedou cortado pola caída dunha árbore sobre a vía do tren en Cervo. Isto causou o corte do tráfico ferroviario como informou o persoal de seguridade de ADIF minutos antes das 14 horas.
Outro grupo de incidencias ocorreron en Mondoñedo (26) e Viveiro (25). Aínda que a maioría delas non revestiron gravidade, a caída de árbores e ramas nas estradas si provocaron alteracións no tráfico. Sobre todo en vías secundarias, aínda que o 112 Galicia recibiu múltiples avisos de particulares por árbores que interrompían parcial ou totalmente a circulación en diferentes puntos da comunidade a N-640 (A Pontenova), a N-634 (Barreiros e Lourenzá), a LU-122 (Lourenzá) ou no quilómetro 515 da A-8 á altura de Ribadeo.
Varias localidades sufriron problemas coa subministración eléctrica ao longo da tarde, contabilizándose casos, por exemplo, nos municipios lucenses de Xove, Trabada, Riotorto, Viveiro, O Vicedo, Alfoz, A Pontenova, Cervo ou Lourenzá.
O vento foi o protagonista da xornada, especialmente na zona da Mariña Lucense, a máis castigada. De feito, a estación de Penedo do Galo, en Viveiro, rexistraba durante a mañá un refacho marca de 202,4 quilómetros por hora.