O mercante Muros, de bandeira española e cunha tripulación de nove persoas, fica resgardado no porto de Celeiro despois de que, sobre as 6.30 horas da mañá deste mércores, os motores non acendesen e o barco ficase a mercé do vento, con alto risco de bater contra as rochas.
A embarcación, de 90 metros de eslora, fondeou fóra da bocana da ría de Viveiro e garreou, ía cara atrás dado que a áncora non estaba asegurada. Así, ameazou con bater contra a costa de Esteiro, en Xove, sen apenas abrigo e coñecida polas súas calidades para a práctica do surf.
o cargueiro fondeou nunha zona pouco propicia e ameazou con bater contra a costa de esteiro
Ao parecer, o capitán do barco optou por parar nesta zona ao haber buques fondeando na zona de San Román ou Areagrande, no municipio do Vicedo, máis propicia para abrigarse das ondas e con capacidade para acoller a varias embarcacións.
O Muros, da navieira bilbaína Murueta, “viña baleiro” desde Aveiro, en Portugal, ata Avilés, a onde ía cargar cuarzo. Segundo explicou a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, “fondeou en Viveiro ao ficar pechado” o peirao avilesino.
o buque ía sen carga, pero o perigo do combustible levou a activar o protocolo contra a contaminación
Malia que non ía cargado, o perigo do combustible levou á Sala de Gardacostas de Galicia a activar desde primeira hora o Plan Territorial de Contaminación Marina Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) en fase de alerta.
DISPOSITIVO
Con ondas de catro e cinco metros por mor de refachos de vento de 100 quilómetros por hora e ante un risco alto de accidente, Salvamento Marítimo mobilizou ao helicóptero Pesca II por se fose preciso evacuar a tripulación do barco e desprazou á zona as embarcacións Sar Gavia e Salvamar Alioth, así como ao buque comercial Sertosa Treinta, da fábrica de alúmina sancibrense.
tras un remolque con ventos de 100 qm/h e ondas de cinco metros, os motores do barco arrincaron
Malia as dificultades provocadas polas ondas e o vento, o Sertosa Treinta conseguiu remolcar o barco. Finalmente, a máquina do Muros arrincou e, por indicacións de Capitanía Marítima, chegou ao peirao celeirense sobre as 10.45 horas polos seus propios medios.
O Centro Integrado de Atención a Emerxencias de Galicia (CIAE) puxo a situación en coñecemento do servizo municipal de Protección Civil, da Policía Local e da Policía Nacional de Viveiro.
os nove tripulantes do mercante están ben de saúde, segundo explicou a alcaldesa
O BARCO, A EXAME
Segundo informou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, os nove tripulantes do Muros están, “malia levar un bo susto, fóra de perigo e ben“.
O barco pasará unha inspección para comprobar se os problemas dos motores están solventados e está en condicións de seguir coa súa ruta.
ALERTA LARANXA
A costa da Mariña Lucense manterase durante todo o mércores en alerta laranxa por mar combinada do noroeste con ondas de cinco a sete metros de altura.