InicioSucesosRebaixan a dous anos a condena dun viveirense por apropiarse de parte...

Rebaixan a dous anos a condena dun viveirense por apropiarse de parte da pensión de orfandade da filla

O TSXG reduciu a cuantificación da responsabilidade civil, de cinco anos, ao período transcorrido entre xullo de 2015 e agosto de 2016

Publicada o

- Advertisement -

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu en parte o recurso de apelación interposto por un viveirense, condenado a tres anos de cárcere pola Audiencia Provincial de Lugo por apropiarse de parte da pensión de orfandade da súa filla.

O tribunal rebaixou a dous anos a pena de prisión e reduciu a cuantificación da responsabilidade civil ao período transcorrido entre xullo de 2015 e agosto de 2016.

En decembro de 2018, a Audencia condenara ao acusado, J. C. L. B., a tres anos de prisión e á devolución, con intereses, do diñeiro “apropiado indebidamente entre 2011 e 2016“.

O tribunal considerou daquela probado que o pai se “apoderara” de 35.602 euros da pensión de orfandade asignada á súa filla tralo falecemento da nai.

Ao acusado recoñecéuselle a patria potestade da nena, polo que recibía na súa conta, domiciliada en Viveiro, unha prestación de 675 euros. Segundo a sentenza, só enviaba 180 euros á conta da avoa, que vive coa menor en Burela.

Os maxistrados do TSXG estimaron, tal e como alegou o acusado, que non se apreciou ningunha circunstancia obxectiva de agravación da responsabilidade. “Non pode basearse unha individualización da pena ata un límite extremo pola gravidade dunha conduta que non é tan evidente desde a perspectiva da subsistencia e axeitada atención á menor, así como das posibilidades de detectar a conduta delituosa”, indica o TSXG.

PENA “DESPROPORCIONADA”

A sala do Civil e Penal destaca que tampouco pode sosterse esa individualización “no brutal exabrupto do acusado no xuízo do que se fai eco a fundamentación da sentenza recorrida, porque se iso contribúe a demostrar que non se exerceu a patria potestade coa mínima dignidade esixible, o remedio non está en incrementar desproporcionadamente a imposición da pena“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...