Detido un veciño de Viveiro por pegarlle a súa nai e cultivar marihuana na casa

A Policía acudiu ao domicilio, na Rúa da Misericordia, tras un aviso de agresión e alí atopou tres plantas de cannabis

Planta de marihuana. AXM

EFE. Un home residente en Viveiro foi detido por cultivar marihuana nun laboratorio doméstico construído no seu domicilio e por agredir a súa nai, segundo informou a Policía.

A. P. M., de 36 anos, foi arrestado o pasado xoves na súa vivenda da Rúa da Misericordia despois de que axentes policiais acudiran tras recibir unha denuncia de que estaba a agredir a súa nai.

Ao chegar ao domicilio, os axentes percibiron un intenso cheiro e a muller indicoulles que o seu fillo cultivaba marihuana dentro da casa, polo que procederon a detelo como sospeitoso de tráfico de drogas e de malos tratos no ámbito familiar.

INVERNADOIRO “EN PERFECTO FUNCIONAMENTO”

Logo de obter un permiso xudicial para inspeccionar a vivenda, os axentes descubriron tres plantas de marihuana nun invernadoiro montado na terraza, que contaba con tubos de extracción de aire e unha cabina térmica ubicada no interior do piso.

Ademais, atoparon obxectos e maquinaria para o cultivo da marihuana, incluíndo extractores, tubos, humidificadores, lámpadas térmicas e sensores de humidade, un material “en perfecto funcionamento para o cultivo” da planta, polo que o sospeitoso foi posto a disposición xudicial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here