EFE. A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, afirmou este venres que o traballador que supostamente matou a paus a unha gaivota ferida no municipio mindoniense “desobedeceu as ordes que se lle deron“, que eran recoller ao animal para trasladalo a un centro de recuperación, de aí que o goberno local abrise ao obreiro un expediente disciplinario.
“Temos perfectamente artellado” o protocolo para responder “cando aparecen animais abandoados dentro do noso concello, sexan domésticos ou doutro tipo”, sostivo a rexedora, “pero un traballador desobedeceu as instruccións que se lle deron ao respecto”.
Por iso, por parte “da Policía Local, que foi quen recepcionou a chamada da persoa que viu por primeira vez ao animal, que estaba lastimado nunha á“, fíxose “un atestado” que “está xa depositado no Xulgado“, despois de recibir o asesoramento da Fiscalía.
Por parte do Concello, “en aplicación do noso convenio colectivo” e de acordo coas circunstancias, porque “o traballador tiña unhas indicacións e polas razóns que el explicará non cursou, tamén se iniciou un expediente disciplinario”.