A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou dous comerciais dunha empresa de electricidade por subscribir 14 contratos de subministración de enerxía a nome de particulares e empresas da Mariña Lucense, “sen o seu coñecemento nin consentimento” co obxectivo de cobrar comisións.
O tribunal considera probado que “ambos acusados, cuxa zona de actuación se extendía pola área norte da provincia de Lugo, para percibir maiores comisións e obrando polo tanto con ánimo de ilícito enriquecemento, suscribiron contratos de subministro de enerxía eléctrica no nome de diversos particulares e empresas aos que realizaran ofertas, poñendo nos contratos sinaturas ficticias sen o coñecemento nin o consentimento de tales persoas ou entidades”.
Os maxistrados impuxeron a cada un dos acusados un ano de cárcere por cometer delitos de falsidade en documento privado e estafa en grao de tentativa. Os xuíces tiveron en conta a atenuante de dilacións indebidas, pois os feitos sucederon en 2010.
ESTAFA EN GRAO DE TENTATIVA
A empresa Muebles Toal de Xove exerceu a acusación particular. “Excepto o prexudicado que se amosou parte e concretou cales foron os seus prexuízos, o certo é que os demais, outros 13, só sinalaron molestias ou contrariedades, pero non prexuízo patrimonial ningún”, indica a Audiencia.
Por iso, conclúe que a estafa é en grao de tentativa, pois, aínda que ía “dirixida a enriquecerse, non chegou a obter lucro ningún”.