O Concello de Ribadeo alertou a través dun escrito a Portos de Galicia da existencia dunha praga de mosquitos ocasionada polo amoreamento de madeira no peirao de Mirasol, que está a producir “innumerables queixas por parte da veciñanza e dos negocios hoteleiros próximos ao peirao”, explica o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia.
Con todo, expón o rexedor, “esta problemática está a detectarse en lugares mais afastados da nosa vila”.
O goberno local salienta que acompañou a carta dun informe da empresa especializada en pragas Sanal Control Medioambiental, contratada polo executivo municipal.
Segundo constatou esta empresa, “o foco” da praga é esta madeira, acumulada no porto “desde hai meses”. Deste xeito, “sería necesario ben tratala ou ben retirala canto antes”, dado que coa calor “o problema agravaríase aínda máis”.
SEN ELIMINAR O FOCO, “CALQUERA APLICACIÓN É INÚTIL”
O informe, subliña o Concello, advirte das dificultades que atravesan os hoteis, que “se enfrontan ao comezo da tempada alta con este contratempo, xa que non conseguen eliminalos das fiestras e das habitacións, malia limpar e aplicar insecticida todos os días. Tamén teñen incidencias nas comidas”, apunta.
Sanal Control Medioambiental asegura ter comprobado que a praga se está a extender a todo o pobo en xeral e que as queixas están indo a máis. “Calquera aplicación vai ser inútil se non se elimina o foco”, remarca.
INSTA Á XUNTA A “TOMAR MEDIDAS”
Así, o goberno local insta ao ente hidráulico autonómico a “tomar as medidas oportunas ao respecto para acabar con esta praga de mosquitos e as consecuentes molestias que están a ocasionar”.