EFE. A Garda Civil interceptou a un veciño de Ribadeo que carecía de carné cando circulaba nun ciclomotor, que non pasara a ITV e que carecía de seguro en vigor, cunha taxa de alcolemia que cuadruplicaba a permitida pola lei.
Segundo informou a propia Garda Civil, os feitos aconteceron o pasado 13 de xullo, á altura do quilómetro 555,600 da estrada Nacional 634, sobre as 17.30 horas, nun control que fora instalado pola Benemérita nese punto.
Os axentes déronlle o alto ao condutor do ciclomotor, un veciño de Ribadeo de 61 anos de idade, e ao sometelo ao control de alcolemia, deu un resultado positivo de 1,02 miligramos de alcol por litro de aire espirado, catro veces máis do permitido pola lei.
NUNCA OBTIVERA O PERMISO
Ao solicitarlle a documentación, tanto a súa como a do vehículo, comprobaron que o condutor carecía de permiso, porque non o obtivera nunca, mentres que o vehículo non tiña seguro nin pasara a ITV.
Os axentes instruíron dilixencias por dous delitos contra a seguridade vial, que foron remitidas ao Xulgado de Mondoñedo, ademais de propoñer ao condutor para dúas sancións por vía aministrativa ante a Xefatura Provincial de Tráfico.