A Fiscalía pide 20 anos de prisión para o cervense M. A. R. T., acusado de golpear, reter, agredir sexualmente e ameazar con descuartizar á súa ex parella, que será xulgado este luns na sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo.
Segundo o escrito de acusación pública, o home, que xa fora condenado anteriormente por malos tratos, agresión sexual, ameazas e quebrantamento de condena, chamou á súa ex parella o 24 de novembro do 2015 para pedirlle que o fose buscar en coche.
A muller acudiu coa nai do acusado e, cando este entrou no vehículo, colouse trala súa ex parella, que ía conducindo, e coas correas dunha mochilla rodeoulle o pescozo e ameazouna para que o levase a onde el lle indicaba. Mentres facía isto, tiraba das correas e dicíalle que a ía matar por ter posto fin á relación, mentres a súa nai lle suplicaba que non fixese dano á muller.
Os tres dirixíronse á casa dos pais de M. A. R. T. e o acusado obrigou a saír á vítima, quedouse coas chaves do coche e co seu teléfono móbil, pegoulle no ollo e forzouna a dirixirse á parte traseira da casa e pórse de xeonllos coa cabeza apoiada nun cepo. Así, ameazouna cunha brosa e díxolle que a ía levar ao monte e descuartizala.
A muller e a nai do acusado lograron tranquilizalo e entraron na vivenda, pero o home non deixou de ameazar á súa ex parella, desta volta cunha fouce. Logo levou á vítima ao seu domicilio, sen que esta poidese opór resistencia debido ao temor que padecía. Alí quitoulle as chaves do coche, ameazouna de morte e abusou sexualmente dela nunha habitación.
Ao día seguinte, os pais do acusado chamárono e convencérono de que fosen á súa casa comer. A muller escapou do lugar. Despois destes feitos, o acusado chamou varias veces á vítima e envioulle mensaxes pedíndolle perdón, e incluso chegou a presentarse cerca da casa do avó dela, malia que tiña orde xudicial de alexamento.