A anciá de 93 anos rescatada polo seu fillo despois de incendiarse a súa vivenda no municipio de Ourol, que quedou destruída polo lume, foi traslada a planta no Hospital Público da Mariña, no que foi operada dunha rotura do fémur.
O lume produciuse nunha vivenda no lugar de Os Luíses, na parroquia de San Pantaleón de Cabanas. O fillo da muller ferida decatouse sobre as 6.45 horas do pasado mércores de que se declarara un incendio na vivenda. Rapidamente evacuou a súa nai por unha xanela, pero ao parecer a anciá deuse un golpe e queixábase de dor nunha perna, polo que foi evacuada ao centro hospitalario de Burela.
O lume calcinou por completo a casa, da que só quedan en pé “as paredes”. Así o manifestou o alcalde de Ourol, José Luís Pajón, quen confirmou que a muller hospitalizada en Burela atópase “en planta”.
O rexedor acudiu “pola tarde”, este mércores, a visitar a esta veciña, que foi operada. “Saía da operación, que foi ben, estivo en reanimación e onte pola noite subírona a planta”, precisou.
O fillo, duns 70 anos e que salvou a súa nai descolgándoa pola fiestra da habitación, na segunda planta, coa axuda dunha corda, non tivo lesións de gravidade malia saltar dunha altura duns tres metros. “Ten moita dor nos talóns do impacto, pero non rompeu nada”, precisa Pajón.
A VIVENDA, CALCINADA
Sobre o estado da vivenda, o rexedor manifestou que “quedan as paredes”, o resto, “aveños incluídos”, foron destruídos polo lume. Na mañá deste mércores realizáronse labores de arrefriado da estrutura, pois elementos de madeira como un armario aínda despiden algo de fume, aínda que o lume quedou totalmente extinto. As casas lindantes non corren perigo.
O alcalde falou co fillo da nonaxenaria “para prestar todo tipo de axuda que necesite”. No caso da vivenda, asegurou que “ten outra casa no Valadouro e estará aí mentres non decida que facer coa casa que ardeu”, sinalou.
A CHEMINEA, POSIBLE FOCO
Sobre a orixe do lume, Pajón constatou que polo que falou co fillo, e propietario da vivenda, este “sospeita que foi pola cheminea, aínda que polo de agora é unha conxectura“.