InicioSucesos(AMPLIACIÓN) Un tren descarrila en Celeiro por mor dun desprendemento de terra...

(AMPLIACIÓN) Un tren descarrila en Celeiro por mor dun desprendemento de terra e pedras

Viaxaban no convoi 17 persoas, que resultaron ilesas, mentres que a vía permanece cortada con transbordos por estrada entre Viveiro e Ribadeo

Publicada o

- Advertisement -

Un vagón de tren que cubría a liña entre Ferrol e Ribadeo descarrilou a noite do pasado venres con dezasete persoas a bordo sen que ningunha resultase ferida. Segundo informou o 112 Galicia, o accidente ferroviario produciuse por mor dun desprendemento de pedras na vía á altura de Celeiro, no termo municipal lucense de Viveiro, ao fío das 22.15 horas.

Nese momento, o persoal do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) contactou co 112 Galicia para alertar do ocorrido e solicitaba medios para evacuar ás persoas que viaxaban no convoi, posto que o descarrilamento tivera lugar nunha zona de difícil acceso. Trátase dun lugar próximo á curva do lavadoiro, cercano tamén ao cemiterio.

NUNHA ZONA DE DIFÍCIL ACCESO

A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil, dos Bombeiros de Viveiro, Protección Civil e Policía Local de Viveiro, así como do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo e de Protección Civil de Xove.

Deste xeito, os servizos de emerxencia axudaron a saír á pasaxe da vía férrea ata a estrada máis próxima, onde as persoas que viaxaban no tren accidentado foron recollidas, ao redor das 0.00 horas, en taxis enviados por Renfe.

O TREITO, INTERCEPTADO

 

Segundo confirmou Adif a través das súas redes sociais, a vía continúa cortada entre Viveiro e Xove, cos correspondentes transbordos por estrada entre Viveiro e Ribadeo para trens de media distancia.

A APERTURA, PREVISTA PARA AS 13.00 HORAS

A vída ferroviaria na que descarrilou o vagón de tren no municipio lucense de Viveiro na pasada noite do venres recuperará a normalidade da circulación sobre as 13.00 horas do sábado, segundo estiman fontes de Adif.

A empresa explicou que, a regularidade dos traxectos irase restablecendo pouco a pouco, pois “depende da cantidade de circulacións” que estean programadas. A recuperación da periodicidade dos trens será máis rápida cantos menos convois transiten pola vía.

Adif especificou que se levaron a cabo tarefas de limpeza no punto de vía no que se produciu o desprendemento. En concreto, o equipo de mantemento da operadora despexou a zona de terra e pedras para deixala en condicións de circulación. As faenas iniciáronse na noite do pasado venres e desenvolvéronse con normalidade ata este sábado.

DESCÁRTASE UN ACTO DE SABOTAXE

A falta dun informe pericial de Adif, Fontes da Policía Nacional descartan que o descarrilamento fose provocado. Malia que se acumularon grandes bloques de pedra e que non é habitual que se produzan desprendementos durante as épocas cunha climatoloxía máis suave, o difícil acceso á zona -a máis de 300 metros da estrada-, as roturas das mallas que protexían a vía e a propia estreitez desde treito, que precisamente evitou que se producisen danos de maior consideración, fan desbotar a posibilidade dunha sabotaxe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...