O palangreiro Coelleira, que encallou na madrugada do domingo nas rochas de Vee Skerries, ao noroeste da illa de Papa Stour, en Escocia, “non se poderá recuperar” segundo precisou o director adxunto de Puerto de Celeiro, Eduardo Míguez.
O buque, con bandeira británica e base en Celeiro, presentaba unha vía de auga e despois de varias tentativas de remolcalo inclinouse practicamente por completo, de xeito que se anegou.
O armador, a axencia local de Gardacostas e a aseguradora deberán acordar nos próximos días un lugar para retirar e afundir o barco, despois de extraer o combustible.
OS 15 TRIPULANTES, SANS E SALVOS
Segundo expuxo Míguez, a perda do barco suporá “un pau” a nivel económico que non obstante a empresa asume cun certo alivio, dado que ningún dos 15 tripulantes -que foron rescatados en helicóptero– sufriu lesións de gravidade.
A investigación para averiguar a causa que levou ao buque a varar nesta zona próxima ás illas Shetland, considerada perigosa e na que a principios dos anos 70 se levantou un faro para evitar accidentes, continúa aberta.