Unha casa quedou calcinada por completo na tarde deste xoves no núcleo da Casabella, no municipio de Ourol, segundo precisaron fontes do 112 Galicia. O incendio non deixou ningunha persoa ferida.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 recibiu aviso do lume sobre as 15.12 horas da tarde. Un veciño advertiu do incendio nunha vivenda de dúas plantas, situada a poucos metros da LU-540 na que, informou, non se atopaba dentro ninguén, polo que non houbo feridos nin necesidade de mobilizar aos servizos sanitarios.
A MESMA VIVENDA NA QUE ATOPARON O CORPO DO INQUILINO
O dono, de preto de 90 anos, natural de Ourol pero residente na Coruña, atopábase dentro do inmoble no momento de rexistrarse o lume, que segundo o propietario orixinouse ao limpar a vivenda, tras arder na lareira unhas caixas de cartón. O titular da casa calcinada puido saír dela sen prexuízo para a súa saúde.
Trátase da mesma vivenda, na que no pasado mes de agosto un sesaxenario, o seu inquilino, foi atopado morto.
SÓ QUEDARON AS PAREDES
Á hora de peche desta información, co lume controlado, os Bombeiros de Viveiro realizaban tarefas de arrefriado do esquelete, pois a teitume derrumbouse e só quedan as paredes da vivenda. Protección Civil e Garda Civil tamén acudiron ao lugar do incendio.