Calcinada sen feridos unha casa na Casabella, en Ourol

O dono, de preto de 90 anos e residente na Coruña, saíu do inmoble ao orixinarse o lume

Imaxe de arquivo dun incendio nunha vivenda. AXM

Unha casa quedou calcinada por completo na tarde deste xoves no núcleo da Casabella, no municipio de Ourol, segundo precisaron fontes do 112 Galicia. O incendio non deixou ningunha persoa ferida.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 recibiu aviso do lume sobre as 15.12 horas da tarde. Un veciño advertiu do incendio nunha vivenda de dúas plantas, situada a poucos metros da LU-540 na que, informou, non se atopaba dentro ninguén, polo que non houbo feridos nin necesidade de mobilizar aos servizos sanitarios.

A MESMA VIVENDA NA QUE ATOPARON O CORPO DO INQUILINO

O dono, de preto de 90 anos, natural de Ourol pero residente na Coruña, atopábase dentro do inmoble no momento de rexistrarse o lume, que segundo o propietario orixinouse ao limpar a vivenda, tras arder na lareira unhas caixas de cartón. O titular da casa calcinada puido saír dela sen prexuízo para a súa saúde.

Trátase da mesma vivenda, na que no pasado mes de agosto un sesaxenario, o seu inquilino, foi atopado morto.

SÓ QUEDARON AS PAREDES

Á hora de peche desta información, co lume controlado, os Bombeiros de Viveiro realizaban tarefas de arrefriado do esquelete, pois a teitume derrumbouse e só quedan as paredes da vivenda. Protección Civil e Garda Civil tamén acudiron ao lugar do incendio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here