A Policía Nacional detivo un home de mediana idade en Viveiro por abusos sexuais á filla de doce anos da súa parella.
Segundo informou a Policía Nacional a través dun comunicado, o home, de mediana idade e que non é oriundo da Mariña Lucense, aproveitaba a ausencia da muller cando esta ía ao traballo para cometer os abusos contra a menor, o que ocorreu en varias ocasións.
Segundo informaron fontes oficiais, a detención produciuse tras activar o protocolo do centro de saúde. A nena acudiu con familiares a unha consulta de atención primaria, onde os profesionais sanitarios acreditaron os abusos.
DETIDO AO SEU REGRESO DO ESTRANXEIRO
Logo de que se denunciase este suceso, a Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Viveiro fixo as xestións para localizar a este home, que se achaba fóra do país traballando no mar e foi detido ao seu regreso, tralo cal foi posto a disposición da autoridade xudicial, que decretou o seu ingreso en prisión.