Decenas de persoas concentráronse en silencio na tarde deste martes fronte ao consistorio de Foz, nunha protesta convocada polo Concello para mostrar repulsa polo crime que custou a vida de Minaene Franco, a muller de 37 anos supostamente matada a puñaladas polo seu fillo, de 17.
A concentración en silencio durou tres minutos, antes de que o alcalde de Foz, Fran Cajoto, lera unha declaración institucional consensuada polas catro forzas políticas da corporación –PSOE, PP, BNG e Foz Plataforma de Futuro-, coa que se condenou “todo tipo de violencia” e se mostrou o respaldo a amigos e familiares da vítima.
No posterior pleno, decretáronse tres días de loito oficial no municipio, desde as 00.00 horas do mércores 6 de novembro ata as 23.59 horas do venres 8.

Pola mañá, unha concentración no IES de Foz serviu para que os seus compañeiros do centro de estudos homenaxearan á vítima, e tamén para “reflexionar” sobre o sinsentido da violencia con cinco minutos de silencio aos que se sumaron representantes de todas as forzas políticas da corporación, así como numerosos veciños.
O RAPAZ SERÁ INTERNADO
O mozo, segundo aprobou o Xulgado de Menores a petición da Fiscalía, será trasladado a un internamento pechado, ben en Ourense ben na Coruña.