A Policía Nacional e mailo 061 rescataron na madrugada do xoves a un mozo que se tirou ao mar no porto de Celeiro.
Foi o propio afectado quen avisou cunha chamada telefónica aos corpos e forzas de seguridade arredor das 3.00 horas da madrugada, para indicar que se ía tirar á auga, nun espazo próximo á nave de redes do porto celeirense.
O coche de radiopatrulla e a ambulancia asistencial do 061 atopárono na auga. O rescate foi problemático, pois o mozo é corpulento e non colaboraba. Finalmente, coa axuda dunha escada e unha corda, conseguiron sacalo do mar.
O rapaz, que está a tratamento psiquiátrico, foi evacuado ao Hospital da Mariña.
Fontes da Policía Nacional precisaron que non hai novidades sobre Alejandro Meitín San Isidro, o home de 34 anos que falta en Viveiro desde o pasado 15 de decembro. O seu coche foi reflotado do peirao deportivo viveirense, pero non apareceu o seu corpo.