Un traballador resultou ferido ao caer na tarde deste xoves dunha altura aproximada de dous metros cando estaba a realizar unha poda no lugar de Vilamor, no municipio de Mondoñedo.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia, o suceso produciuse sobre as 18.10 horas, momento no que o servizo recibiu aviso por parte doutro operario.
O obreiro recibiu o impacto da pola que estaba a cortar ao caer ao chan. Tras recibir unha primeira atención por parte de profesionais de Urxencias Sanitarias do 061 Galicia, a vítima foi trasladada ao centro de saúde de Mondoñedo, segundo informaron fontes de Protección Civil mindoniense.