A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo abordará a próxima semana o caso dun home que está acusado de quebrantar unha orde de afastamento da súa ex parella e que, ademais de acosala no seu posto de traballo, chegou a entrar no domicilio que ela compartía co seu fillo menor en Foz, roubar, provocar danos e atentar contra a súa vida.
O acusado, L. M. S. V., mantivo unha relación sentimental e de convivencia coa vítima, M. S. D. L., que tiña o seu domicilio habitual no municipio focego. O home nunca chegou a aceptar a ruptura da parella e, desde ese instante, empezou a controlala e a acudir aos lugares que ela frecuentaba na súa rutina diaria, pasando ata polo seu centro de traballo, e viuse obrigada a cambiar de conduta e de hábitos.
A muller empezou a pedirlle a unha compañeira de traballo que a acompañase e avisou varias veces á Garda Civil de que a súa ex parella achegábase a ela con asiduidade. A situación chegou a tal punto que empezou a non levar o seu vehículo ao traballo para evitar que el soubese onde estaba.
CONDENADO NO 2017 POR QUEBRANTAMENTO DE CONDENA
Malia a orde de afastamento e de comunicarse con ela, o acusado foi condenado en 2017 con sentenza firme por un delito de quebrantamento de condena, e dictouse outra sentenza posterior en 2018 na que se recoñecían os insultos e as ameazas que el lle dicía, nun primeiro momento de forma esporádica e posteriormente de xeito habitual.
O presunto autor está acusado de delitos de roubo en casa habitada, de asasinato en grado de tentativa e quebrantamento de medida cautelar.
“FORTE CHEIRO A GAS”
Segundo o escrito da Fiscalía, o acusado chegou a romper o cristal do portal do domicilio e provocar danos no mesmo, ademais de subtraer diversos obxectos propiedade da muller. Así mesmo, abriu os catro fogóns da cociña e as bombonas de gas, o quentador e a estufa, que ela deixara previamente pechadas, con pleno coñecemento de que as súas accións producirían a morte dela e do seu fillo.
Afortunadamente, ao chegar ao seu domicilio esa madrugada, a muller percibiu un forte cheiro a gas, pechou a bombona e os fogóns e deu aviso á Garda Civil da situación. Malia iso, existía “unha alta probabilidade de explosión” ou de producir “deficiencia de osíxeno no sangue, células e tecidos” pola alta concentración.
O presunto autor está acusado de delitos de roubo en casa habitada, de asasinato en grado de tentativa e quebrantamento de medida cautelar, a orde de afastaamento, polos que se enfronta a unha pena de 30 anos de prisión e á prohibición de residir e acudir ao municipio de Foz durante 17 anos, entre outras. O xuízo celebrarase entre o 12 e 13 de febreiro ás 10.00 horas.