Tres persoas -o maquinista, a interventora e un pasaxeiro- resultaron feridas tras descarrilar un tren de ancho métrico (Feve) á altura da parroquia de Mogor, preto do Barqueiro, pertencente ao concello coruñés de Mañón. Trátase do ferrocarril de media distancia 71382. Os restantes seis viaxeiros que ían no convoi resultaron ilesos, segundo confirmaron Renfe e persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ortigueira.
#AXEGAInforma
Tres persoas resultaron feridas tras descarrilar un tren a causa dun desprendemento de terra no concello coruñés de Mañón. Interviñeron: servizos sanitarios, #BombeirosEume e Viveiro, @guardiacivil, #GESOrtigueira e #AVPCMañón. pic.twitter.com/VKmOJpG8m2— 112Galicia (@112Galicia) February 19, 2020
Segundo as mesmas fontes, o descarrilamento produciuse sobre as 20.30 horas, á altura da piscina municipal do Barqueiro -punto quilométrico 67/544-, debido a un desprendemento de terras. Os feridos foron evacuados ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Ortigueira, mentres que os viaxeiros foron recollidos por outro convoi.
Se encuentra interrumpida la circulación en la línea de ancho métrico Ferrol-Oviedo por el descarrilamiento de un tren a causa de un desprendimiento de tierras entre Viveiro y Ortigueira.
— INFOAdif (@InfoAdif) February 19, 2020
Foi o persoal do centro de seguridade de Adif quen alertou ao 112 Galicia. Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Dependencias (CIAE) puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Eume e de Viveiro, da Garda Civil, do GES de Ortigueira e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mañón.
A circulación na liña de tren de ancho métrico entre Ferrol e Oviedo permanece interrompida e, segundo informaron as fontes consultadas, seguramente non se retomará nos próximos días.