A corentena por mor do estado de alarma decretado para conter a expansión do coronavirus pasa factura e, malia que as rúas das vilas da Mariña Lucense están maioritariamente desertas, en ocasións vívense momentos de tensión.
Este sábado, dous axentes da Garda Civil víronse obrigados a reducir a un viandante que paseaba polo paseo marítimo de Covas, no municipio de Viveiro, supostamente sen motivo xustificado. Veciños da localidade aseguran que se trata dunha persoa que padece unha enfermidade mental e que podía estar desorientado.
As autoridades sanitarias advirten de que a mellor maneira de previr contaxios é quedar nos domicilios, tendo en conta que os medios sanitarios humanos e materiais son limitados e o crecemento dos casos positivos, dado que por agora non hai vacina para a pandemia, pode ser expoñencial.