O cadáver dunha muller residente en San Cibrao, D. O. S., de 72 anos, apareceu este martes no mar preto da praia da Caosa, nesta localidade do concello de Cervo.
Un particular chamou ás 14.10 horas ao 112 Galicia e advertiu de que había un corpo flotando nas inmediacións da praia. O servizo de emerxencias mobilizou á Garda Civil, a Salvamento Marítimo e ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo. Os socorristas do areal do Torno e o responsable do GES cervense sacaron o cadáver da auga. A muller estaba vestida e calzada.
A falecida, que vivía nunha rúa cercana á praia onde foi atopada, era unha usuaria habitual do centro de día inaugurado no pasado mes de xullo na zona da Veiga. Non padecía incapacidade, polo que facía uso do servizo con autonomía e o persoal do xeriátrico non se extrañou de que faltara comer este martes, o que xa sucedera noutras ocasións.