A Policía Nacional alertou a Interpol desde Viveiro dunha agresión machista na poboación de Moorends, en Reino Unido.
Os feitos foron comunicados o pasado día 21 de maio, a través da Oficina Nacional de Interpol, á Policía Británica. A irmá da vítima denunciou na Comisaría de Viveiro, ofrecendo diversas mensaxes e fotos que lle enviara a través das redes sociais.
A vítima presentaba lesións compatibles con violencia de xénero por parte da súa parella, á vez que indicaban risco para a súa vida e integridade física, porque aos intentos da denunciante de poñerse en contacto coa súa irmá, esta non lle respondía.
Ademais, na noite do 20 ao 21 de maio, a denunciante notara á súa irmá triste e puido escoitar como lle berraba a súa parella. Como consecuencia desta alerta da Policía Nacional, Interpol informou á Comisaría de Viveiro de que o autor dos feitos fora detido pola Policía británica en Moorends. Destes feitos deuse conta a Autoridade Xudicial viveirense.