O Concello de Viveiro fixo este martes a través dun comunicado de prensa un chamamento público á “responsabilidade e o civismo” para “evitar que se repitan os actos vandálicos desta pasada noite”, que “supoñen ademais no actual contexto un risco sanitario, ao atopar no chan numerosas máscaras e luvas“.
“Viveiro amenceu nun estado lamentable“, denuncia o goberno municipal, “como consecuencia dun acto vandálico polo cal se baleiraron papeleiras e colectores de todo o casco urbano, polo que dende o Concello de Viveiro apelamos á responsabilidade e o civismo cidadán para evitar este tipo de sucesos, respectando o medio ambiente, o traballo dos servizos de limpeza e á veciñanza en xeral”.
ADVIRTE DE POSIBLES SANCIÓNS
Dende o Concello viveirense considérase “inconcebible” esta actitude, tendo en conta ademais que o comportamento do conxunto da veciñanza foi “exemplar durante o estado de alarma”. O executivo local advirte de que está tomando “as medidas pertinentes” para aplicar “as posibles sancións” e alerta de que “os potenciais vandalismos serán castigados con multas“.