Un home que pescaba na zona de Portocelo, no municipio lucense de Xove, resultou ferido na tarde deste sábado ao caer nunha zona acantilada e de difícil acceso.
Tras ser avisados polos axentes do 112 Galicia, ata o lugar desprazouse o helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia, o Pesca II, que rescatou o home e trasladouno ao areal. Alí, unha ambulancia dos servizos sanitarios de urxencia esperábao para efectuar a súa evacuación ao centro hospitalario de referencia.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 18.45 horas e ata o punto desprazáronse os membros de Salvamento Marítimo, os Bombeiros de Viveiro, o GES de Cervo, así como axentes da Garda Civil.
Ademais, o persoal do 112 tamén avisou aos voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.