Unha muller foi rescatada esta madrugada tras caer co seu vehículo por un terraplén duns 30 metros de profundidade no concello de Ourol. O coche saíu da vía cando circulaba pola estrada que une San Pantaleón de Cabanas con Bravos.
Os bombeiros tiveron que anclar o turismo para poder sacar á condutora e trasladala en padiola ata a ambulancia.
DEMORA
Foi a familia quen pasada a medianoite contactou co 112 Galicia ante a demora da muller, que debía estar de volta na casa arredor das oito da tarde.
Desde o primeiro momento, os seus parentes amosáronse convencidos de que sufrira un accidente co seu vehículo debido ao carácter escarpado da zona. Efectivamente, despois de peitear a estrada, escoitaron á afectada gritar, o que lles permitiu sinalizar a probable posición do vehículo.
ANCLAXE DO VEHÍCULO
Para o rescate foi precisa a intervención dos Bombeiros de Viveiro que, para poder asistir á ferida, tiveron que anclar o vehículo e transportala en padiola ata o lugar onde agardaba unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.
Os efectivos do parque de Viveiro contaron coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.