InicioSucesosRecuperan un coche subtraído en San Cibrao e usado para roubar en...

Recuperan un coche subtraído en San Cibrao e usado para roubar en bares da Mariña

Ao ser sorprendidos polos axentes, os autores fuxiron e deixaron abandonado en Area o turismo, no que se atoparon máis de 700 euros en moedas e tres caixas de máquinas 'comecartos'

Publicada o

- Advertisement -

A Policía Nacional de Viveiro recuperou en Area un vehículo roubado en San Cibrao e involucrado en roubos en varios establecementos da Mariña Lucense durante a noite e madrugada dos pasados días 25 e 26 de agosto, respectivamente. Recuperáronse máis de 700 euros en moedas, así como tres caixas de máquinas ‘comecartos’.

Os feitos ocorreron pasadas as dúas da madrugada do día 26, cando se recibiu chamada na Comisaría por parte de membros da Garda Civil. O Instituto Armado informaba de que un vehículo subtraído na localidade próxima de San Cibrao estivera involucrado no roubo dun establecemento hostaleiro daquela localidade. Ao ser sorprendidos pola patrulla policial, os autores emprenderon a súa fuxida a bordo dun vehículo en dirección a Viveiro, do que achegaron marca, modelo, cor (Seat Ibiza negro) e parte da placa de matrícula.

Trala chamada, activáronse as alarmas na Dependencia Policial para a localización do devandito vehículo e a detención dos autores. O turismo roubado foi localizado á entrada dunha casa, anexa á estrada xeral e situada na zona de Area, onde os ladróns -que non foron localizados ata o momento- o deixaron abandoado ante a presión policial. Posteriormente procedeuse ao traslado do devandito automóbil á Comisaría de Policía Nacional, onde se lle realizou a correspondente inspección ocular.

ENTREGADO AO PROPIETARIO, QUE NON SE DECATARA DO ROUBO

Na mesma observouse que a subtracción se producira forzando os bombíns tanto da porta de acceso como do clausor de arranque. Recuperáronse do interior do vehículo máis de setecentos euros en moedas, principalmente de dous, un e 0,20 euros, así como tres caixas de depósito de moedas pertencentes a máquinas “comecartos”. O automóbil, unha vez realizadas todas as xestións policiais de investigación, foi entregado ao seu lexítimo propietario, o cal non se decatou do roubo. A Policía Nacional de Viveiro deu traslado dos feitos ao Xulgado en Funcións de Garda de Viveiro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...